Destacan o impacto no emprego e na actividade portuaria do proxecto de Sentury nas Pontes
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Ferrol nun encontro con representantes da Autoridade Portuaria e da compañía Sentury, que prevé desenvolver nas Pontes unha fábrica de pneumáticos para coches, camionetas e avións, cun investimento de 531 millóns de euros e coa previsión de crear 750 postos de traballo directos.
Tras a xuntanza, á que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, Conde sinalou que se trata dun “reto industrial e loxístico moi relevante” tanto polo impacto na xeración de emprego como na actividade do porto ferrolán, que verá cuadriplicados os seus tráficos actuais, creando aproximadamente 30 empregos na propia terminal.
Francisco Conde apuntou que a Administración autonómica xa está avaliando o proxecto de Sentury para a súa posible tramitación como Proxecto Industrial Estratéxico, o que acurtaría os prazos administrativos dunha iniciativa “de enorme importancia industrial e loxística para Ferrol”.
O vicepresidente económico incidiu en que esta iniciativa, xunto co resto de proxectos que se están dinamizando nestes momentos na zona, entre os que citou as factorías de eólica mariña de Nervión; a de Omega 3 de IFFE; a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP Renovables e a de biomateriais de Ence; supoñen unha oportunidade para que o Pacto de Estado por Ferrol que se está impulsando desde a Xunta poida dar a resposta que precisa a comarca.