Destinaranse 910.000 euros a rehabilitar o colexio de Meira

TerraChaXa
Esta actuación está enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia
ceip-avelino-diaz-meira
28 Dec 2024

A Xunta investirá case 910.000 euros na rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, unha actuación enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500 millóns de euros.

O proxecto inclúe unha batería de actuacións para a mellora da eficiencia enerxética do centro, entre as que destacan o illamento da fachada con sistema SATE, o cambio da cobertura de lousa dos tres edificios por paneis sándwich de panel con illamento de escuma de poliuretano e a substitución das luminarias actuais por equipos LED, con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns con sistemas bluetooth en lámpadas indicadas en planos de iluminación.

Tamén se instalarán novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia.

A maiores, colocarase falso teito acústico en aulas e despachos e vinílico nos aseos. Por outra banda, repararanse e pintarase os paramentos interiores e as estruturas metálicas de soportais do centro, abrillantaranse os pavimentos e reorganizaranse algúns espazos.

Modelo pioneiro

Esta actuación está xa contemplada nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP e intégrase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500 millóns de euros.

O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado no Consello da Xunta, é de máis de 267 millóns de euros, que se suman aos 230 millóns de euros executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.

Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.

A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios.

Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.

0.15486407279968