Detidas tres persoas acusadas de 18 roubos de maquinaria
A Garda Civil deu por finalizada unha operación para rematar cunha banda especializada en roubos con forza e que operaba en varios concellos da Terra Chá e da comarca de Lugo. Esta operación iniciouse o pasado mes de xaneiro, tras detectarse un incremento de roubos de ferramentas e maquinaria en distintas localidades da provincia de Lugo.
Tras cinco meses de investigación logrouse desarticular a este grupo criminal e deter aos cinco compoñentes, M.F.C, de 28 anos, residente en Lugo, D.C.C., de 42 anos de idade, residente en Pol e veterinario de profesión, e a A.A.V. con domicilio tamén en Lugo, de 30 anos e que rexenta unha empresa de construción. Estes tres individuos considéranos autores materiais e intelectuais de polo menos 18 roubos e furtos en garaxes, almacéns e vivendas. Os responsables da investigación consideran a M.F.C. o autor material da totalidade dos feitos delituosos investigados, sendo A.A.V. e D.C.C. autores materiais só nunha parte dos delitos, aínda que, considérase probado que estes poderían ser os autores intelectuais de diversos roubos, facilitándolle información e encargos a o primeiro para cometer os delitos e posteriormente beneficiarse da venda do material subtraído.
Así mesmo, a Garda Civil tamén procedeu á detención de G.O.S. de 26 anos de idade, con residencia en Betanzos, e de A.M.S. de 19 anos e residente en Guitiriz, ambos dedicados á compravenda e reparación de maquinaria usada. Estes dous mozos serían os responsables da venda e distribución de boa parte do material subtraído.
En total levaron a cabo cinco detencións e esclarecéronse ata o momento 18 delitos, na súa maioría roubos en almacéns, naves de empresas, garaxes, vivendas en construción e explotacións gandeiras. Ademais, esclarecéronse dous roubos de xoias en vivendas. Os detidos iniciaron a súa actividade delituosa no mes de xaneiro de 2020, perpetrando roubos nos termos municipais de Friol, A Pastoriza, Outeiro de Rei, Vilalba, Castroverde, Xermade, Begonte e Lugo.
Entre o material subtraído figura maquinaria de xardinería e forestal (rozadoras, tractores cortacéspede, cortasetos, motoserras, sopladores, etc.) e maquinaria de construción (amoladoras, trades, martelos percutores, hidrolimpadoras, equipos de soldadura, xeradores eléctricos, etc.). O valor das ferramentas subtraídas supera os 50.000 euros. Os detidos tamén están implicados no roubo de xoias en dúas vivendas, cuxo valor ascende aos 7.000 euros.
A Garda Civil logrou recuperar boa parte do material subtraído. Os detidos tiñan no seu poder maquinaria e ferramentas procedentes dos roubos investigados, con todo, a localización de diversos efectos entrañou certa dificultade debido a que os adquirían, a través de Internet, terceiras persoas de boa fe. Entre os efectos recuperados destaca un tractor cortacéspede e varios outros manuais, rozadoras, motoserras, radiais, martelos percutores, xeradores eléctricos, trades, etc, cun valor no mercado que podería superar os 30.000 euros.
Un dos roubos máis relevantes foi o perpetrado polos detidos nas instalacións dun Concello da provincia de Lugo situadas no recinto feiral, onde tras forzar a porta e abrir unha fenda no piso subtraeron gran cantidade de maquinaria valorada en máis de 23.000 euros.
Os investigados tamén cometeron polo menos cinco roubos no termo municipal de Xermade e nos límites deste concello co de Vilalba, principalmente en garaxes de vivendas rurais e alpendres de explotacións gandeiras, onde os responsables dos roubos buscaban todo tipo de maquinaria agrícola e forestal. Nunha das vivendas, que no momento do roubo non se atopaba habitada, chegaron a acceder ao domicilio, subtraendo diversas xoias e diñeiro en efectivo. Os autores dos roubos actuaban nesta zona porque un dos detidos era natural do lugar e coñecía ao detalle o terreo e os inmobles onde se cometeron os delitos.
Os detidos tamén foron investigados pola comisión de tres roubos no interior de camións e furgóns estacionados na vía pública no polígono industrial de Begonte e no Concello de Castroverde, onde subtraeron ferramentas por un valor aproximado de 3.000 euros.
Na periferia da localidade de Lugo, onde residían dous dos investigados, cometéronse varios roubos, tanto no propio termo municipal de Lugo como no Concello limítrofe de Outeiro de Rei, onde os investigados accederon ao interior de vivendas en construción e casetas de obras para cometer ata catro roubos, subtraendo maquinaria valorada en máis de 8.000 euros.
Outra das especialidades deste grupo eran os roubos en explotacións agrícolas e gandeiras. No concello de Castroverde cometeron dous roubos en cortellos, subtraendo maquinaria (motoserras, desbrozadotas, etc.) valoradas en máis de 2.000 euros. Na Pastoriza, onde traballaba un dos investigados, tamén cometeron dous roubos en explotacións agrícolas de especial importancia, cun valor do material superior aos 7.000 euros. A maior parte destas ferramentas e maquinaria foi recuperada e devolta aos seus propietarios.
Por último, un dos investigados tamén roubou xoias, por un valor aproximado de 6.000 euros, na vivenda da familia para a que traballaba, nunha explotación gandeira situada no termo municipal da Pastoriza. O autor de roubo accedeu ao interior da vivenda dos seus xefes utilizando unha chave que estes ocultaran fóra do inmoble e subtraeu as xoias que posteriormente vendeu nun establecemento de empeños.