Dezaoito colectivos únense para reclamar a recuperación da Torre de Caldaloba

TerraChaXa
Dezaoito colectivos esixen que as promesas da Consellaría de Cultura se fagan realmente efectivas rematando co abandono actual.
torre de caldaloba cospeito
torre de caldaloba cospeito
7 Maio 2021

As asociacións da Terra Chá reuníronse telematicamente para poñer en común a súa posición a respecto do "estado de abandono absoluto" en que se atopa o castelo de Caldaloba, que ameaza coa súa ruína total.

Segundo explican, o castelo de Caldaloba ou Vilaxoán, que ten a consideración de Ben de Interese Cultural desde 1985, segue a día de hoxe nunha situación precaria e de continuo deterioro. Este símbolo da resistencia nobiliaria galega é de interese para entender as mudanzas significativas e duradeiras que se producen no noso país nas últimas décadas do século XV e que poñen fin á existencia efectiva do Reino de Galiza.

"Por tanto, o monumento posúe un valor histórico e simbólico importantísimo pois é de grande utilidade para a descuberta dun capítulo transcendental da nosa historia, frecuentemente agochada e negada. Os acontecementos, conservados na memoria colectiva, contribúen a proporcionar a este lugar unha carga simbólica que non posúe ningunha outra edificación da súa tipoloxía. Mais, o que noutro lugar sería foco de coidado e mimo para poder ser visitado, no caso de Caldaloba, como tantos outros lugares e espazos da nosa Terra, está nunha situación de desleixo e abandono por parte das administracións. A súa importancia histórica e patrimonial, xunto co feito de estar considerada BIC desde hai 36 anos, aínda non teñen sido razóns dabondo para actuar sobre esta fortaleza que, co paso do tempo, avanza na súa ruína", indican.

Por iso, consideran que recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína e garantir a súa conservación debería ser obxectivo inminente das administracións co obxectivo da súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo do pobo galego "para o que resulta imprescindíbel converter dita construción e a súa contorna en propiedade pública".

"Recentemente puidemos ver nos medios de comunicación como a Directora Xeral de Patrimonio afirmaba que a posta en valor deste monumento vai por bo camiño. Mais isto é algo que se repite periodicamente sen que, finalmente, se concrete en algo positivo", engaden.

Por todo isto, as asociacións da Terra Chá e os seus lindes, decidiron, nun encontro conxunto, demandar da Administración galega que faga efectivas de inmediato as medidas "que periodicamente vén prometendo" para que o castelo pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor. Así mesmo, é a nosa vontade levarmos outras accións conxuntas destinadas a dar a coñecer o valor deste monumento e a súa situación de grave deterioro.

Asinaron este comunicado:

  • Castiñeiro Milenario (Begonte)
  • Xotramu (Muimenta)
  • Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz)
  • Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) (Vilalba)
  • Asociación de Amigos do Castro de Viladonga
  • Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo)
  • Centro Social Madia Leva (Lugo)
  • AC Cultura do País (Lugo)
  • Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade)
  • AC Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz)
  • Irmandade Manuel María da Terra Chá
  • Nova Poesía Guitirica (Guitiriz)
  • AC Poeta Avelino Díaz (Meira)
  • AC Lugo Patrimonio (Lugo)
  • Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
  • AC PolKA (Pol)
  • AC e CS A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde)
0.16056203842163