Dezasete mozos e mozas participan nunha nova edición do programa Deseñando o teu futuro en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
O programa completouse cunha visita ao Polo de Emprendemento de Friol, onde os mozos e mozas coñeceron as instalacións e o labor que desenvolve o persoal técnico
desenando-o-teu-futuro-outeiro-de-rei
29 Jul 2026

O Concello de Outeiro de Rei desenvolveu entre os días 20 e 27 de xullo unha nova edición do programa Deseñando o teu futuro XII, unha iniciativa dirixida a achegar o alumnado ao mundo laboral a través de estadías formativas en empresas do municipio. Nesta edición participaron un total de 17 mozos e mozas, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento de distintos sectores profesionais.

Durante cinco días, os participantes realizaron prácticas de catro horas diarias en empresas colaboradoras como Área 507, Avifauna, D10 Centro Deportivo, Garatuxa, Pan e Panadería de Ousá, a gandería de Paulino Carral Méndez, Spar-Express Peteira e Transformacións Agrícolas e Forestais M. Ángel. Ademais, outras firmas como Ben Alonso SL, Idea Almacén de Papelería, Laserlucus, Pan do Manuel e Xardinería Santa Isabel tamén se ofreceron para colaborar nesta iniciativa.

Desde o Concello destacan que esta experiencia permitiu aos participantes coñecer o traballo diario nas empresas elixidas e colaborar en diferentes tarefas, ofrecéndolles un primeiro contacto co mercado laboral. Como resultado desta edición, unha das participantes conseguiu un emprego para este verán na empresa na que realizou as prácticas.

O programa completouse cunha visita ao Polo de Emprendemento de Friol, onde os mozos e mozas coñeceron as instalacións e o labor que desenvolve o persoal técnico para impulsar e consolidar proxectos emprendedores. Tamén tiveron ocasión de escoitar as experiencias de dous emprendedores.

A clausura da iniciativa tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei, onde o alcalde, José Pardo Lombao, mantivo un encontro cos participantes para intercambiar impresións sobre a experiencia e fixo entrega dos diplomas acreditativos da súa participación no programa.

0.14046883583069