Distintas personalidades representativas da provincia de Lugo puxeron en valor a Feira do Capón de Vilalba
Vilalba acolleu a súa emblemática Feira do Capón, evento no que participaron diferentes personalidades representativas da provincia de Lugo, como a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, que destacou o papel desta cita "como símbolo de identidade, tradición e excelencia para Galicia".
Durante o seu discurso, expresou o seu recoñecemento ás criadoras e criadores que manteñen viva esta tradición, "que proxecta a mellor imaxe de Vilalba ao mundo". Ademais, resaltou que o capón de Vilalba é un produto que vai máis alá da gastronomía, vinculándose á historia, cultura e orgullo do pobo galego.
“A Feira do Capón é unha mostra do esforzo e amor dunha comunidade por unha tradición profundamente arraigada, que debemos apoiar desde todas as institucións”, sinalou.
Finalmente, a subdelegada felicitou á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, polo seu compromiso coa feira, e animou a seguir traballando para que o evento continúe sendo un referente de calidade e tradición.
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, que tamén estivo no acto, agradeceu o labor do Concello e da alcaldesa, a participación e o bo facer dos produtores e puxo en valor a alta calidade do produto. “Dende a Deputación de Lugo estamos e estaremos sempre do lado do sector primario e por iso, como non podía ser doutra maneira, colaboramos coa proxección desta cita. Estamos ao carón de todas as persoas que traballan para manter vivo e impulsar o rural”, valorou.
Pola súa parte, tamén estivo presente o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, xunto co concelleiro do BNG en Vilalba, Tino Alvite e militantes e simpatizantes da organización, nunha nova edición da Feira do Capón de Vilalba.
No seu caso, destacou a traxectoria secular tanto da cría do Capón como da celebración continuada da propia Feira, a singularidade, o arraigo, o valor cultural, a participación da poboación local, a afluencia de turistas e visitantes, etc., que "acreditan suficientemente a concesión de ser Festa de Interese Turístico de Galicia".
Por iso, dixo que o recoñecemento axudaría "a promover e a proxectar a riqueza cultural e histórica da nosa vila e tería paralelamente un impacto económico positivo na economía municipal. Resulta incomprensible e mesmo prevaricadora a decisión tomada pola Axencia de Turismo da Xunta de Galicia que, antepoñendo intereses de partido aos intereses públicos, denega sen fundamento a solicitude presentada polo Concello de Vilalba ao abeiro do acordo plenario tomado por unanimidade das forzas políticas que o compoñen".
Efrén Castro enxalzou o papel destas mostras “feiras como esta do Capón de Vilalba son a chave para o fomentar o consumo de proximidade, para contribuír a un sistema máis sostíbel e á vez xerar máis dinamismo económico no propio territorio. Esta feira é unha celebración do que somos, da nosa identidade, da nosa historia, do noso rural e da nosa dedicación á terra, algo que sería inviable sen a implicación dos criadores", argumentou.
O vicepresidente da deputación tamén salientou “as feiras, tanto mensuais como anuais, como neste caso, son xeradoras de economía e permiten o mantemento do rural e nela ponse en valor tamén o queixo de San Simón ou o roscón de Vilalba”.
Nesta liña, o concelleiro do BNG, Tino Alvite, destacou “para iso é preciso proxectos transformadores nos concellos e no País para dinamizar e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas que viven aquí, esta feira da comenzo ao Nadal na Terra Cha”. Por iso, continuou Alvite “ resulta indignante a negación da evidencia e o posicionamento do PP de Vilalba na defensa do goberno da Xunta, actuando igualmente por interese partidista e con mala fe contra os intereses da propia veciñanza".
O DESENVOLVEMENTO DO EVENTO
A actividade na Praza da Constitución de Vilalba comezou a primeira hora da mañá coa vista posta nunha das xornadas máis importantes do calendario vilalbés: a Feira do Capón, que consolidou o seu éxito e rexistrou máis dun milleiro de visitantes.
Ás 10.00 horas a carpa na que se atopaban os 39 criadores e criadoras de capón abría as súas portas e comezaban a rexistrarse as primeiras vendas. Os máis madrugadores non quedaron sen o seu agardado capón. Nesta edición, había censados para a feira máis de 1.120 exemplares, dos que ás dúas da mediodía, só quedaban as cestas de vimbio nas que viñan preparados.
“O ambiente chegou cedo á Praza da Constitución, dende primeira hora a feira estivo moi animada e a media mañá fixemos entrega dos tradicionais premios da man de María Lamela”, explicou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, quen este ano introduciu como novidade a animación musical da cita, a cargo de Brassica Rapa.
Ademais, resultaron premiados cos prestixiosos galardóns da Feira do Capón: Oliva Souto, polo maior número de exemplares traídos á feira; María Carmen Barro, mellor criadora; Oliva Souto, mellor par de capón; e María José Castro, mellor cesta. Aos que se sumaron o premio especial para novos criadores outorgado a Graduín Lamelas SC de Goiriz, Cristina Montouto de Lanzós e María José Castro de Oleiros.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a singularidade do capón, que “leva o nome de Vilalba polo mundo, grazas ao traballo e á tradición dos nosos criadores e criadoras, e iso merece un gran recoñecemento”.
Ademais, agradeceu o galardón que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou á Feira do Capón recentemente e sobre a declaración da mesma como Festa de Interese Turístico de Galicia asegurou que “no Concello levamos xa varias semanas traballando na preparación dun informe para presentar unha nova solicitude e agardamos, de corazón, que nesta ocasión se nos conceda”.
Á nota musical sumáronse outros atractivos imprescindibles para incrementar o ambiente da feira: postos de produtores locais de Vilalba e da comarca da Terra Chá, un fotomatón para levar un recordo da feira e unha foodtruck na que se repartiron máis de 300 racións gratuítas con distintas preparacións do capón de Vilalba.