Do caso Matesa a vender cervexa

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
18 May 2021

Por Moncho Paz

No decenio de 1960, España viviu varios procesos de transformación sociolóxica. Entre eles, a transición do viño á cervexa, pasando da tradicional cultura tabernaria propia dos pobos e grandes vilas á cultura de bar característica das cidades. De feito, a produción cervexeira multiplícase por catro no conxunto do Estado: de trescentos corenta millóns de litros en 1960 a mil douscentos millóns en 1970, un incremento por riba da media europea.

El Águila, fundada en 1900 en Madrid, era unha das compañías máis consentidas pola ditadura. 

Pouca xente sabe que incluso Manuel Fraga Iribarne chegou a ser director xeral desta empresa cando deixou a xefatura do Ministerio de Información e Turismo en 1969 como consecuencia do caso Matesa, que estalou no mes de xullo e foi un dos maiores escándalos do final do franquismo, impactando de cheo no seo do goberno; para moitos historiadores, significou o comezo da fin do réxime. Coincidiu que naquelas datas, ademais, Franco designara oficialmente a Juan Carlos de Borbón como sucesor.

Podemos afirmar sen tapullos que a verdadeira transcendencia do caso foi a súa repercusión política. O ditador, na súa liña habitual, non lle deu moita importancia ao principio, ollando cara a outro lado como de costume. Fraga era, daquela, o principal representante dos azuis, un sector do goberno afín á Falanxe que non quería perder poder, enfrontado internamente cos tecnócratas, vencellados ao Opus Dei, que lograran gañarse a confianza de Franco pola súa participación no deseño do Plan de Estabilización de 1959 e nos posteriores plans de desenvolvemento que fixeron posible a milagre da recuperación económica durante a década prodixiosa.

O “león de Vilalba”, fiel ao seu carácter arroutado e colérico, non dubidou en utilizar ao seu favor os medios de comunicación do Movemento e, ao amparo da Lei de Prensa e Imprenta de 1966 que el mesmo impulsara, permitiu tratar o asunto cunha liberdade que deixou sorprendidos até aos máis adeptos ao réxime, coa finalidade de que o escándalo pasase factura política aos seus opoñentes; pero non calculou ben a xogada e acabou cesado fulminantemente nas súas funcións polo ditador, quen decidiu perdelo de vista durante unha longa tempada, encargándose persoalmente de mandalo a exercer a actividade privada lonxe do Pardo. Ademais de Fraga, que pasou a traballar en El Águila ate 1973 e logo foi enviado de embaixador a Londres, tamén foi depurado José Solís Ruiz, coñecido popularmente como “O sorriso do réxime”, que ocupaba a Secretaría Xeral do Movemento.

Pouco tempo despois, nunha conferencia pronunciada en 1972 ante a asemblea da Asociación Española de Técnicos de Cervexa e Malta, Manuel Fraga explicaba que o sector da cervexa era o máis industrializado entre todos os das bebidas refrescantes. Experto en operacións propagandísticas, axiña fixo uso das súas influencias e encargouse de “recomendar” sen demora a venda preferente da súa marca ao eido turístico e hostaleiro. O slogan da campaña publicitaria do produto era sinxelo: “Se beben más”. Contaba o Chavito que un día de agosto de 1971, pouco antes do nacemento do meu irmán Mario, entrou apresurado na tenda o Arturo do Esquina -que logo rexentaría o bar Submarino- preguntándolle: “Ramón, ti tamén a recibiches?”. Referíase a unha carta remitida dende Madrid e asinada polo director xeral de El Águila, convidando a ofrecer a súa marca de cervexas fronte a outras que se consumían no momento, como Estrella Galicia, San Miguel, Skol ou El Alcázar, esta última fundada en Jaén polos membros da familia Puga, que se establecera en Andalucía a finais do século XIX procedente de Lugo.

Unha vez cesado como ministro de Información e Turismo do goberno franquista, cargo que ocupou entre 1962 e 1969, Fraga recibiu en 1970 unha calorosa homenaxe en Vilalba por parte dos seus acólitos, promovida polo daquela alcalde Suso Gayoso. Un exemplo patente de culto á personalidade, totalmente excesivo, como o protagonista principal. Para xustificar o acto, decidiron que sería un multitudinario agradecemento da veciñanza pola posta en marcha do Parador de Turismo, inaugurado en 1967 na Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade. A consigna era clara e directa: “Mañá non pode quedar ninguén na casa”. Con tal motivo, organizouse un evento masivo de recoñecemento á súa figura, colocando o busto de bronce que aínda hoxe preside os xardíns da Alameda na capital chairega.

Tras a marcha de Manuel Fraga como director xeral de El Águila, o grupo cervexeiro holandés Heineken adquiriu un terzo das accións da compañía. E en 1985 pechou a súa fábrica madrileña na rúa Xeneral Lacy, quedando o edificio sen uso ate a súa posterior remodelación como Biblioteca Rexional Joaquín Leguina. Asemade, comezou un proceso de centralización da produción nas plantas de San Sebastián de los Reyes e de Cuart de Poblet, vendendo algunhas das outras fábricas ou simplemente pechándoas. No ano 2000 fusionouse co grupo Cruzcampo, adquirido na súa totalidade por Heineken. Finalmente, en 2019 a compañía decidiu relanzar, con notable éxito, a marca El Águila, inspirada na receita orixinal.

Inauguracion busto Fraga_1970
0.1795859336853