Doan 31 figuras da colección Edelmiro Ulloa ao belén de Begonte

TerraChaXa
Varias destas figuras van ser incorporadas este ano, tanto ao propio belén como ao museo
novas-figuras-belen-de-begonte
19 Nov 2024

A colección de figuras do Belén do sacerdote Edelmiro Ulloa (1933-2021), vén de ser doada ao Belén de Begonte polo sobriño deste, o profesor e escritor Xosé Carlos Ulloa.

Edelmiro Ulloa, nomeado en 1980 Capelán do Hospital Xeral de Lugo, foi un sacerdote moi querido na sanidade e na sociedade lucense, desenvolvendo moi importante labor na institución sanitaria, creando a Coral do Hospital e o Grupo de Teatro Lucho. Polo Nadal, sempre montaba un Belén, para o que foi adquirindo numerosas figuras artesanais.

Un total de 31 figuras foron entregadas por Xosé Carlos Ulloa ao Belén de Begonte, destacando entre elas 9 casas, 2 pallozas, 2 hórreos asturianos, 2 carros con vacas e un tirado por cabalo, 1 cortador de leña, 1 ferreiro, 1 igrexa, 1 arado tirado por vacas, 1 roda de afiar e unha máquina de mallar con motor e limpadora.

Varias destas figuras van ser incorporadas este ano, tanto ao Belén de Begonte na súa LIII edición como ao Museo do Belén, destacando a figura móbil da máquina de mallar que contrastará coa escenificación do traballo co malle tradicional.

O Centro Cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén de Begonte, agradece publicamente a Xosé Carlos Ulloa a doazón desta artística herdanza de Edelmiro Ulloa, que constitúe unha importante aportación ao noso Belén.

0.16074204444885