Dous escolares de Noche reclaman a situación da súa parada de bus

TerraChaXa
O SLG solicta á Xunta a atención inmediata á solicitude das familias de dous escolares que collen o bus no barrio de A Casanova – Noche.
parada cruce noche bus vilalba
20 Ago 2021

O Sindicato Labrego Galego solicta á Consellaría de Infraestructuras e Mobilidade eá Xefatura Provincial de Lugo a atención inmediata á solicitude das familias de dous escolares que collen o bus no barrio de A Casanova – Noche, que arestora teñen que facelo lonxe das súas casas nun cruce perigoso, malia a que o percorrido do bus pasa por diante das súas casas.

No mes de xullo dúas familias de alumnado de Educación Infantil e Primaria de Vilalba presentaron solicitudes de modificación da parada de transporte escolar para aproximalas ao seu domicilio, localizado no Barrio A Casanova – Noche. Segundo explica o SLG esta solicitude de variación non afectaría ao actual percorrido do autobús, que inevitablemente ten que pasar por diante das casas onde esta nena e este neno residen, e son o único alumnado que se recolle na actual parada. A"demais, esta nova parada sería máis segura, dado que a actual está nun cruce con pouca visibilidade", engaden.

A Xefatura Provincial de Lugo vén de comunicar a denegación desta modificación, alegando "fundamentalmente que non hai unha distancia de 2.000 metros entre parada e parada para conceder unha nova, e que a actual non se pode modificar por ser unha ruta integrada".

Considera o SLG que a resposta da Xefatura Provincial de Lugo "é un claro exemplo de como, na práctica, as palabras de aposta polo rural galego atópanse á hora da verdade con impedimentos tan absurdos e gratuítos coma a obcecación por aplicar un criterio técnico obsoleto, correspondente a un Decreto do ano 1986, totalmente afastado da actual realidade do medio rural. Que tipo de compromiso ca poboación rural cabe agardar dunha Administración que nin tan sequera ten vontade de adaptar minimamente o transporte escolar ás necesidades das dúas únicas crianzas dunha zona sen apenas servizos públicos nas súa contorna?"

"Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos indignante a rixidez coa que se pretende aplicar a normativa dun servizo público esencial para o futuro do medio rural como é o transporte escolar. Co inicio de cada novo curso escolar, tódolos anos son varias as familias de alumnado de primaria e secundaria que se atopan con impedimentos para elaborar itinerarios seguros, que teñan como obxectivo principal o benestar das cada vez menos nenas e nenos das nosas aldeas e vilas", conclúen.

Solicitan por tanto á Consellaría de Infraestructuras e Mobilidade que autorice a nova parada á maior brevidade posible, e que a Xefatura Provincial de Lugo informe favorablemente, "atendendo á solicitude destas dúas familias dous escolares de 4 e 9 anos para garantir as mellores condicións posibles no seu traslado ao centro educativo, como corresponde á responsabilidade da Administración".

0.19620609283447