En outubro repararase a estrada que une O Cádavo con Pol e Meira
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos dun ambicioso plan de mellora de seis estradas da Montaña lucense, que suma un investimento de 2,1 millóns de euros e suporá actuar sobre 100 quilómetros de vía, dos cales preto do 40% corresponden ao municipio da Fonsagrada e o 18% a Baleira. Pol e Meira serán dous dos concellos nos que se traballará.
Está previsto que todas as obras estean rematadas antes de finais de outubro.
O proxecto iniciouse coa mellora integral da estrada LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz e que se prolongarán ata finais deste mes, para, a continuación, comezar nas estradas LU-701 e LU-703, que conectan A Fonsagrada con Asturias.
As obras na Fonsagrada estarán rematadas previsiblemente a mediados de setembro, sempre atendendo a que as condicións meteorolóxicas sexan as apropiadas. En total, suman un investimento de 1.470.200 euros.
A continuación darán comezo os traballos na LU-530, que une Lugo coa Fonsagrada, se ben as actuacións nesta estrada abarcarán os termos municipais de Lugo e Castroverde: dende a travesía de San Eufrasio, na capital, ata a travesía de Castroverde. Son en total 21 quilómetros, nos que se investirán 399.000 euros.
As obras rematarán a principios de outubro, e a continuación comezarán na LU-750, pasando xa ao concello de Baleira. Esta estrada conecta O Cádavo con Pol e con Meira, e investiranse 164.000 euros no seu acondicionamento, con fresados localizados nos treitos deteriorados e a reposición con mestura bituminosa a carril completo, e o acondicionamento integral da travesía do Cádavo. En Pol afectarán as obras a 9,8 quilómetros, cun orzamento de 67.840 euros e en Meira serán 2,4 quilómetros cun orzamento de 16.500 euros.
Por último, na última quincena de outubro actuarase na estrada LU-710, que une O Cádavo con Baralla e a autovía A-6, procedendo tamén á mellora localizada do firme cun investimento de 122.000 euros.