“En Sestao sempre exercín de galego e sempre fun respectado por selo”

O xornalista, escritor e activista cultural Raúl Río recibiu en agosto, o Caxato de Avelino Pousa Antelo, un recoñecemento que chega á súa XIII edición e que distingue cada ano persoas ou colectivos comprometidos coa defensa da lingua, a cultura e a identidade galegas.
A entrega tivo lugar nos xardíns da urbanización Os Verxeis, na parroquia de Oza, en Teo, no Paseo Avelino Pousa, onde se congregaron amigos, admiradores da obra de Avelino Pousa e representantes das entidades promotoras do galardón. O acto foi organizado pola AACC Xermolos, a Irmandade Manuel María e a Irmandade Avelino Pousa.
A decisión de conceder este ano o Caxato a Raúl Río responde á súa longa traxectoria de compromiso coa lingua e a cultura galegas, especialmente desde a emigración e o ámbito rural. Natural dos Vilares, en Guitiriz, Río residiu durante boa parte da súa vida en Euskadi, onde desenvolveu a súa actividade profesional en Bizkaia como traballador e sindicalista. A súa vinculación co xornalismo levouno a colaborar ao longo dos anos con numerosas publicacións de Galicia e do País Vasco. Paralelamente, mantivo unha intensa actividade como reporteiro gráfico e foi construíndo un importante arquivo fotográfico e sonoro relacionado coa vida cultural chairega e galega desde a década dos setenta.
Durante o acto tamén se puxo en valor a súa participación na creación da Agrupación Cultural Rosalía de Castro de Barakaldo, unha entidade nacida coa finalidade de promover e manter viva a cultura galega entre a comunidade emigrante.
O Caxato de Avelino, elaborado cada ano en madeira de buxo por Valdi, toma como referencia a figura de Avelino Pousa Antelo e busca recoñecer persoas que, desde diferentes ámbitos, manteñen un compromiso continuado coa lingua, a cultura e os valores galegos. Neste sentido, a organización destacou a vinculación de Raúl Río coa defensa da identidade galega tanto desde Galicia como desde Euskadi.
O encontro rematou cunha sentida ofrenda floral ante o monólito dedicado a Avelino Pousa, mantendo así unha das tradicións desta cita anual. A XIII edición do Caxato serviu, deste xeito, para recoñecer unha traxectoria marcada polo xornalismo, a fotografía, o asociacionismo e, sobre todo, polo compromiso coa preservación e difusión da cultura galega.

Cóntenos como foi coñecedor de que se lle concedía este premio?
Para min foi unha gran sorpresa coa que nunca contei. O caso é que me chamou o músico, poeta e escritor, Baldomero Iglesias (Mero) para dicirme que me ía chamar David Otero para darme unha boa nova. Despois chamoume David e díxome o do Caxato, algo co que menos contaba, pero que me deu unha gran alegría; é para min un gran honor estar nunha lista na que tamén están grandes figuras: Alfonso Blanco Torrado, Marica Campo, María Pilar García Negro e a Fundación Penzól, entre outras.
Que supón este premio a nivel económico e sobre todo persoal?
A nivel económico para o galardoado non supón ningún beneficio económico, pero para as asociacións que o organizan (Irmandade Avelino Pousa Antelo, Irmandade Manuel María e Asociación Cultural Xermolos) supón, senón un gasto económico, que ignoro, un gran traballo para levalo a cabo. Para min supón un agradecemento de sentirse recoñecido e darlle valor ao traballo feito ao longo da vida, sentirse apreciado por un montón de amigos e amigas, tanto do país nativo como do pobo que me acolleu. Eu tiven a sorte que me nomeara Trapeiro de Honra a Asociación Lareira de Soños da miña parroquia; que me deran A Navalla de Manuel María en Outeiro de Rei e, agora, O Caxato de Avelino en Teo, a Irmandade Avelino Pousa Antelo e as dúas asociacións guitiricenses.
Fálenos un pouco dese amor que lle une ás letras. De onde xurdiu?
O meu primeiro mestre que tiven, D. Andrés Pérez Carballeira, sempre me inculcou o amor pola lectura e pola escritura. Esa afección pola lectura, o amor ao terrón natal e ao idioma galego, reafirmouse en min ao ler O Catecismo do Labrego de Valentín Lamas Carvajal, que tamén impresionou ao propio Castelao e a Fermín Penzol, o libro Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas e ao ler Rosalía Castro, Curros Enríquez, Castelao, pero tamén os clásicos da literatura española e grega. Escribindo son un autodidacta e D. Andrés só me explicou algunhas cousas que debía facer e outras que non debía. Empecei escribindo coa intención de imitar aos meus escritores preferidos, algo que nunca conseguín.
Aínda que desenvolveu a vida no País Vasco, a vinculación con Galicia e cos Vilares nunca a perdeu.
En agosto de 1969 estaba traballando de delineante en Talleres Preme da Coruña, pero coñecín a miña compañeira Gloria, que vivía en Santurtzi e funme para Sestao. Alí sempre exercín de galego e sempre fun respectado por selo, aínda que daquela había un certa carraxe entre vascos e galegos, polo que o propio Gabriel Aresti escribiu tres sonetos para rematar con ela e pediulle o seu amigo Manuel María que tamén escribira uns versos aos galegos nese sentido. Iso chegoume a alma, pois sempre quixen crear alí un ambiente cultural galego respectando sempre ao país no que me atopaba e, en xaneiro de 1983, un grupo de mozos e mozas galegas fundamos a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo para darlle valor ao noso idioma e a nosa cultura e empatizar coa vasca. Alugamos un piso, onde expoñíamos e vendíamos cerámica galega e libros de todas as editoriais galegas, organizábamos conferencias e publicamos varias revistas e algún libro. Por alí pasaban moitos estudantes galegos na UPV.
O galego forma parte da súa vida, como se mantén como lingua propia tan lonxe da casa?
É cuestión de amor á patria de nacemento e de respecto á que emigramos. Si nós somos conscientes onde nos atopamos e respectamos a súa cultura e as súas costumes, eles van entender que nós tamén temos dereito a practicar os nosos costumes e falar o noso idioma si non nos comportamos como supremacistas. Sempre exercín de galego, loitei porque os galegos tamén o falaran e por iso sempre fun querido polo pobo vasco, máis apreciado que os que renegaban de Galicia e pretendían ser outra cousa que nunca puideron ser, que tamén hai moitos. Aresti chegou a dicir que o galego era o terceiro idioma de Euskadi e debía ser oficial.
Agora como xubilado, ten previsto regresar a Galicia, ou segue vivindo a cabalo entre as dúas vilas?
Aquí quixera aproveitar para facer unha crítica en positivo, porque xa levo 16 anos sen ter que acudir ao posto de traballo e podíamos estar aquí, pero somos conscientes da nosa idade e o Sergas, por desgraza, non está a altura de Osakidetza. Non pola calidade e oficialidade dos seus profesionais, pois estiven dúas veces ingresado no HULA (por un ICTUS e por unha colanxite) e puiden comprobar a gran humanidade e profesionalidade de todo o servicio médico dese hospital, senón polas listas de espera a que están sometidos os doentes galegos debido á falta de persoal sanitario en todos os ámbitos e ser incapaces de asumir a demanda asistencial. Así e todo, son consciente da dispersión demográfica e da distancia do hospital, pero tamén dos inexistentes servicios públicos de transporte en toda a provincia, tanto por estrada como por ferrocarril. Podíamos e gustaríanos aos dous vivir nos Vilares, pola tranquilidade e amor a nosa terra, pero vendo esta situación teremos que seguir indo e vindo segundo ordenen os galenos vascos. Unha mágoa!
Colabora con distintos medios de comunicación e tamén facendo moitas aportacións á cultura diferentes. Hai algún proxecto novo?
Si, escribín varios centos de artigos en distintos periódicos. En Galicia, en A nosa terra, neste TERRACHÁXA, no Sermos Galiza, en Galicia Dixital, nas revistas trimestrais, Terra e Tempo en papel e no Terra e Tempo dixital. En Euskadi escribín nos diarios: El Correo Español, Egin (no que incluso cheguei a escribir en galego), no efémero Euskadi, no Gara, nas revistas de Xermolos e dos Centros Galegos. Xurxo Martínez Crespo e mais eu editamos o libro Galegos en Bizkaia/Galiziarrak Bizkaian, cos sonetos de Aresti e as cantigas de Manuel María, que publicaron as Fundacións dos sindicatos CIG e LAB. Ademais de sacar fotografías e vídeos de actividades culturais, en Galicia esculpín a escultura de Díaz Castro, que está nos Vilares, e en Euskadi tallei unha placa a Ramón Cabanillas da rúa dos Fueros de Barakaldo, que hoxe se atopa no Centro Galego desa cidade, pero agora penso seguir escribindo neste periódico e seguirei traballando na cultura de base e defendendo o noso idioma, loitando por un mundo máis social e máis xusto, por unha sanidade e unhas pensións públicas mais dignas e por un reparto máis equitativo da riqueza.