En trámite, o rexistro de dous montes lugueses como autóctonos

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta ten en información pública o rexistro de dous montes lugueses como masas consolidadas de frondosas autóctonas.
madeira bosque arbore
26 Feb 2022

No caso do monte de Candedo, en Meira, inscribiranse 17,6 hectáreas compostas por unha mouteira de bidueiros, mentres máis de 298 ha integradas por tres mouteiras de cerquiños, castiñeiros e bidueiros procederán do monte de Murias, de Navia de Suarna.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dous montes situados na provincia de Lugo. Trátase do monte de Candedo, en Meira, e do monte veciñal de Murias, en Navia de Suarna.

No caso do monte de Candedo, propiedade da sociedade de fomento forestal que leva o mesmo nome, inscribiranse 17,6 hectáreas compostas por unha mouteira de bidueiros. Mentres, 298,32 ha integradas por tres mouteiras de cerquiños, castiñeiros e bidueiros procederán do monte veciñal en man común de Murias, pertencente aos veciños da zona, en Navia de Suarna.

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Lugo os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 34 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 2 na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 13 en Ourense e 6 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.422,13 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

0.17263507843018