Endesa pon en funcionamento de novo un dos seus grupos

TerraChaXa
A central térmica de Endesa nas Pontes volve queimar carbón para producir enerxía tras reactivar onte á mañá un dos seus dous grupos.
termica as pontes endesa
termica as pontes endesa
3 nov 2022

A central térmica de Endesa nas Pontes volve queimar carbón para producir enerxía tras reactivar onte á mañá un dos seus dous grupos dispoñibles.

Segundo asegurou o director desta central, Ignacio Sáinz, "o grupo uno xa entrou en explotación e o grupo dous está en proceso de revisión para poder reactivalo a principios de 2023".

Debido a isto, a empresa aumentou de novo o persoal medio da planta, que acada unhas 60 persoas. Ademais, prorrogáronse os contratos das empresas auxiliares ata xuño de 2023.

En canto ao carbón, Sáinz detallou que o primeiro buque con carbón almacenado no porto exterior de Ferrol está a ser trasladado por estrada cara ás Pontes. Este cargamento era de 165.000 toneladas, pero virán novas remesas en función do consumo dos grupos.

De feito, conta con máis subministro, cunha partida doutras 160.000 toneladas de carbón de Indonesia, por barco.

Desde Endesa apúntase que “ante unha situación de crise enerxética como a actual”, a empresa eléctrica “pon en explotación dúas das súas unidades de produción”, a pesar de que “a nosa estratexia non variou, xa que Endesa mantén o seu compromiso de descarbonización para o ano 2040 e segue apostando polas enerxías renovables”.

As Pontes tiña catro grupos dispoñibles para producir enerxía. O pasado mes de setembro, o Ministerio de Transición Ecolóxica pechou dúas. Agora, dos dous que poderían activarse, púxose un a funcionar.

Endesa anunciou en 2019, dentro do proceso de peche das centrais de carbón en España polo seu impacto ambiental, a clausura definitiva da planta con data de peche para o ano 2021.

Con todo, a crise enerxética alterou todos os plans. En pleno proceso de desmantelamento e con decenas de traballadores xa recolocados noutros puntos de España, no outono do ano pasado cambiaron os plans. Co custo da enerxía subindo, a compañía eléctrica decidiu volver transportar carbón ás instalacións e reactivar parcialmente a central.

O 22 de novembro de 2021 volvía queimar mineral tras meses de inactividade. Tras esas primeiras toneladas de carbón chegaron máis ao porto de Ferrol. A central estivo a producir enerxía ata que o mineral esgotouse a mediados de xuño deste ano.

Este verán, ao redor de 40 empregados de persoal e outros 100 subcontratados seguiron traballando na planta. A folla de roteiro de Endesa era a do desmantelamento e a orde era traballar para a demolición.

endesa as pontes vista aerea lago