Endurecen o confinamento en Burela e alíviano no resto debido aos novos datos de contaxios
Finalmente, a Xunta de Galicia anunciou este venres que o confinamento en Burela endurecerase a partir da medianoite de hoxe mentres que no resto de concellos cambian as medidas. Esta decisión tomouse debido a que o 80% dos casos detectados no brote da Mariña están neste Concello e os casos continúan aparecendo.
Ademais, os residentes en Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo só poderán desprazarse entre estes municipios.
Esta medida está avalada, segundo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, polos últimos casos detectados, 17 máis que onte ata os 182. Ademais, segundo indicou, son novos positivos en persoas que xa estaban illadas, polo que "parece que o brote está controlado".
Na Mariña permanecen tamén ingresadas cinco persoas en planta, das que tres delas serán dadas de alta previsiblemente durante a xornada.
O resto de positivos, segundo detallou o conselleiro, son asintomáticos ou ten síntomas leves e permanecen nos seus domicilios.
Polo que respecta ao resto de concellos, nos que se nos rexistraron casos ou moi poucos, como Alfoz, Mondoñedo, Ourol, Lourenzá, O Vicedo, Valadouro e Trabada, poden abandonar a comarca e volver á vida da nova normalidade.
Así mesmo, manteranse as limitacións en aforos, a obrigatoriedade da máscara e a limitación do horario de apertura de locais de lecer nocturno ata as 00.00 horas. Só haberá limitacións para acceder e saír de Burela, aínda que como ocorría ata o de agora permítense as viaxes por traballo ou por cuestións esenciais como ir ao hospital. No resto de concellos permitirase a mobilidade pero seguiranse aplicando durante outros cinco días medidas como os aforos reducidos ou a limitación de reunións de persoas non conviventes a dez.
Mentres os médicos da Plataforma sanitaria aseguran que hai máis enfermos dos que indica o Sergas, e este o nega, continúa a polémica pola suspensión das eleccións na comarca, unha medida que o Partido Popular asegura que non se vai tomar pero aconsella aos non contaxiados que non vaian votar. Trátase dunha recomendación xa que non pode prohibirse.
A provincia de Lugo rexistrou este venres seis casos activos máis que na anterior xornada, o que eleva a 196 o número de contaxiados por coronavirus, segundo o balance diario proporcionado pola Consellería de Sanidade. Permanece tamén unha persoa ingresada no Hula.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 259, tres máis que conte. Deles 25 son da área da Coruña, 196 da de Lugo, 2 da de Ourense, 4 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 14 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en UCI, 7 están en unidades de hospitalización e 251 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.898 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
Só Vigo rexistrou unha caída nos seus datos e no resto hai máis positivos, aínda que en baixa cantidade.