Entra en vigor o planeamento industrial que afecta a Valadouro, O Corgo, Palas de Rei e As Pontes
A segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), instrumento de planificación para delimitar a superficie industrial necesaria na Comunidade e definir aqueles ámbitos susceptibles de acoller futuros desenvolvementos, xa está en vigor.
O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva desta modificación, a segunda que promove a Xunta desde a aprobación do PSOAEG no ano 2014 e cuxo alcance, neste caso, abrangue 24 ámbitos industriais pertencentes a 18 concellos co fin de axustar as previsións ás necesidades reais e actualizadas da Comunidade neste eido.
Máis concretamente, entre ampliacións, áreas de nova incorporación e reaxustes na superficie dalgúns parques empresariais que xa estaban previstos, o novo plan sectorial planifica un total de 662.321 metros cadrados de solo industrial máis dos que se contemplaban no documento anterior.
Entre os cambios introducidos, cómpre destacar a incorporación de dous polígonos de nova creación nos concellos das Pontes de García Rodríguez (nos terreos da antiga mina de lignito) e Mos (en resposta á demanda de solo industrial existente na área metropolitano de Vigo).
Tamén se aproveita a modificación para introducir seis ampliacións noutros tantos polígonos xa existentes: A Laracha, Carballiño-Maside, O Pereiro de Aguiar, A Estrada, As Neves (Plisan) e Vigo (concretamente, o polígono industrial de Balaídos).
Ademais, modifícase a localización de tres áreas xa programadas anteriormente —os polígonos de Meirama (Cerceda), O Valadouro e Mondariz— co fin de trasladalas a un emprazamento máis axeitado, porque se prevé unha mellor acollida da nova localización ou porque o traslado poida axudar a salvar algún obstáculo técnico ou loxístico.
Así mesmo, redúcese a superficie inicial prevista para o desenvolvemento doutros nove ámbitos co fin de axustar ou diminuír o seu tamaño e adaptalos deste xeito á realidade actual. É o caso das áreas empresariais de Cabana de Bergantiños, O Corgo, Palas de Rei, a Cidade do Moble da Estrada, Pontecesures, Valga e os parques empresariais de Ameal, A Garrida e Valadares, os tres en Vigo.
Por último, os reaxustes afectan ás fases IV e V do polígono do Barco de Valdeorras, das que se prescinde para sumar outros terreos nunha nova localización ao carón do xa existente, e aos vigueses de Matamá-Valadares e Chan de Labrador, que se eliminan.
127 parques empresariais
Tras a primeira modificación, acometida no ano 2018, o PSOAEG contemplaba a delimitación dun total de 117 áreas empresariais emprazadas en 104 concellos, abranguendo unha superficie de 45.474.091,19 metros cadrados.
Coa entrada en vigor desta nova revisión, a planificación de solo empresarial a nivel galego inclúe agora 127 parques cunha superficie a desenvolver de 46.136.412,19 metros cadrados, equivalente a uns 6.100 campos de fútbol. É dicir, permitirá planificar 662.321 metros cadrados máis dos previstos no plan sectorial vixente ata o de agora.