Entregados os diplomas aos traballadores do obradoiro de emprego O Castro
Estes días foi a xornada de clausura co alumnado do obradoiro de emprego “O Castro” que comparten os concellos de Castroverde, Riotorto, A Pastoriza, Pol e Ribeira de Piquin.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto que ademais de ofrecer formación e emprego a máis dunha vintena de persoas permitiu impulsar diversas obras de interese social.
Cada un dos concellos participantes partiu con catro alumnos traballadores (en Riotorto un deuse de baixa) que se formaron na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Realizaron labores silvícolas e de repoboación en espazos naturais, con especial atención ás rutas de sendeirismo, camiños forestais ou áreas recreativas.
Entre outros traballos, no concello de Castroverde actuaron na parcela As Arroxas e na área recreativa Veiga do Olmo. Na Pastoriza realizaron traballos silvícolas na parroquia de Bretoña. En Pol, nas carballeiras de Mosteiro e Rioxoán. En Riotorto, na ruta de sendeirismo da Veiga – Ferreiravella, e na Ribeira de Piquín na ruta de sendeirismo Eo-Millares e no miradoiro de San Xurxo.
NOVA CONVOCATORIA
Balseiro explicou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.
Poden ser promotores dos obradoiros as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións.
Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.
Outras novidades da última convocatoria consisten en que terán prioridade os obradoiros forestais e os vinculados ao Camiño de Santiago e que os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade ampliarán a duración de seis a nove meses.