Entregados os premios Exceleite a produtores de leite cru de vaca

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Na súa intervención, María José Gómez reclamou que a calidade do leite galego teña o seu reflexo no prezo que perciben os gandeiros
premios-exeleite
26 Nov 2026

relacion-premiados-exceleite

A calidade do leite galego ten que ser recoñecida, pero tamén “ten que ter o seu reflexo no prezo” que perciben os gandeiros, porque “unha explotación necesita ingresos suficientes para cubrir os seus custos, seguir investindo e, sobre todo, poder mirar ao futuro con tranquilidade”. Así o manifestou este mediodía a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención no acto de entrega da décima edición dos Premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, no que estivo acompañada por altos cargos do seu departamento.

Gómez felicitou especificamente aos titulares das explotacións premiadas, pero quixo recoñecer, en xeral, a todas as granxas leiteiras da nosa comunidade porque, tal e como afirmou, “o que sucede co sector lácteo ten unha repercusión directa na economía de moitas comarcas”. Ademais, puxo en valor que Galicia sexa a primeira comunidade produtora de leite de España e das máis importantes de Europa, así como o feito de que unha parte moi importante do leite que se consume a nivel nacional saia das explotacións galegas.

Ao tempo, a conselleira quixo valorar as transformacións experimentadas polo sector nos últimos anos, de forma que -salientou- hoxe en día “hai máis formación, máis tecnoloxía e unha organización do traballo moi diferente”. E sinalou que este cambio foi posible porque as gandeiras e os gandeiros galegos souberon adaptarse e ir cos tempos, ata o punto de que “se antes saiamos fóra para aprender doutros, hoxe son outros os que veñen aprender de nós”.

Nesta liña, Gómez destacou que na actualidade existen moitas ferramentas que están cambiando o día a día das explotacións, con aplicacións que permiten axustar a alimentación ás necesidades de cada vaca, sensores que axudan a detectar problemas de saúde ou sistemas que controlan o leite durante o muxido. Todo isto, concluíu a conselleira, ten como resultado un leite de enorme calidade, que hoxe é unha das grandes fortalezas da gandaría galega.

Sobre a situación actual do sector e as súas necesidades, Gómez subliñou que a Xunta está “moi pendente” e mantén en todo momento contacto cos diferentes axentes da cadea de valor. Así, dixo que desde a Consellería se lle solicitou á industria que tivese en conta os custos de produción dos gandeiros e á distribución que reflexionase sobre o uso do leite como produto reclamo. Lembrou, así mesmo, que esta mesma semana lles pediu “reflexión e empatía” a ambas partes.

Ademais, a conselleira recordou que por parte da Xunta se reforzou a vixilancia dos contratos, se están tramitando sancións e se trasladou ao Ministerio de Agricultura a necesidade de garantir o cumprimento da Lei da cadea alimentaria. Na mesma liña, amosou a súa disposición a facilitar aos gandeiros máis instrumentos para defender os seus intereses e, así, advertiu que lle propuxo persoalmente ao ministro Planas actualizar os tramos de produción que se utilizan como referencia nos contratos, que están sen revisar desde 2009.

Ao tempo, Gómez remarcou o papel de órganos como a Mesa e o Observatorio do leite, que “queremos que sexan espazos que vos axuden a ter máis información e máis forza á hora de negociar”, segundo trasladou aos gandeiros presentes. Unha defensa dos intereses dos produtores que -dixo- cómpre “levar a Europa”, como vén facendo a Xunta. Así, lembrou que a comezos deste ano a conselleira e o propio presidente Rueda reclamaron en Bruxelas unha PAC con financiamento suficiente e que teña en conta a realidade de Galicia. Algo no que a titular de Medio Rural volveu insistir a pasada semana na capital comunitaria.

Asemade, Gómez referiuse ao traballo a prol da remuda xeracional no sector e amosou a súa satisfacción e orgullo porque os ciclos de gandaría dos centros de formación dependentes da Consellería teñas as prazas cheas. Así mesmo, reiterou o seu compromiso de apoio para que as familias gandeiras “poidan seguir coa súa explotación, cobrar un prezo adecuado polo leite e saber que o traballo que fan ten continuidade”. Algo que asumiu como responsabilidade “para seguir falando cos produtores, a industria e a distribución” e tamén “para continuar defendendo en Madrid e Bruxelas as condicións que Galicia necesita para manter o seu peso gandeiro”.

relacion-premiados-exceleite
0.17371082305908