Entrevista: "O traballo asociativo de base é fundamental para o rural"

TerraChaXa
Falamos con Pastora Veres, escritora e autora de numerosos artigos e traballos, e sobre todo coa vida cultural de Guitiriz
pastora veres lareira de sonos guitiriz
23 May 2021

Falamos con Pastora Veres, escritora e autora de numerosos artigos e traballos, e sobre todo coa vida cultural de Guitiriz, en concreto dos Vilares.

Os Vilares é o seu lugar natal, que representa para vostede?

Os Vilares, como lugar de orixe vai comigo a onde vaia e onde viva. De feito vivín en moitos lugares pero sigo moi apegada aos Vilares, además a súa paisaxe e a súa paisanaxe son as principais protagonistas fundamentais do libro.

Lareira de Soños é o seu primeiro libro?

Lareira de soños é o meu primeiro libro aínda que nel collen varios "libros", numerosas historias e relatos que ben poderían ser outros ...

Que se resume nas historias de Lareira?

A Lareira é un alegato de defensa da aldea que todos e todas temos, nós mesmas ou os nosos pais e avós, unha reivindicación de orgullo do que somos e de onde vimos e que fai protagonistas á xente anónima, aos esquecidos pola historia oficial. É unha chamada para a salvación das aldeas, hoxe envellecidas e despoboadas para salvar o país, as tradicións, a língua, e en definitiva o orgullo do que somos.

Como está estruturado?

Además dun fermoso prólogo do mestre xornalista Man Castro, primo do poeta Díaz Castro,  o libro está estruturado en catro partes, a primeira chámase De quén vimos sendo, que é unha contextualización histórica, xeográfica e etnográfica do lugar, unha segunda que se chama Os alentos que me quentaron, que é unha visión persoal das miñas vivencias na crianza na aldea, as lembranzas propias e da contorna vivencial. A terceira parte chámase As vidas silenciosas, que son as historias da xente anónima que construíu a nósa verdadeira historia e que sendo a maioría dos Vilares, ben poderían ser de calquera outra parroquia galega. A cuarta chámase Vilaregas de hoxe e son as historias da xente moza de hoxe que sigue ligada ao lugar aínda que non traballen a maior parte nas labores do rural. E remata con un epílogo ou reflexión miña moi persoal.

En que consistiu o traballo realizado? 

O traballo xurdíu por unha encomenda que me fixera o poeta Manuel María en 1991 na inauguración dunha exposición de fotos antigas na Romaría Labrega da Chaira e que retome o en 2014 coincidindo coa dedicatoria a Díaz Castro do Día das Letras Galegas. Fixemos un traballo de campo moi longo con máis de 100 entrevistas polas casas, recollida de fotos e documentos e mesmo viaxes a Euskadi, Catalunya ou entrevistas tamén a través de internet con Arxentina. Foi un traballo moi enriquecedor que se foi alargando segundo o íbamos facendo, pois unhas xentes encamiñába té a outras...

Está preparando algún outro libro?

Neste momento estamos difundindo este traballo co documental en DVD titulado Entrar aos Vilares que dirixiu Cibrán Tenreiro, pero temos en mente publicar o ano próximo un álbum coas fotos e a historia do Armeiro de Berulfe e que incluirá tamén un documental e máis adiante non me pecho a novos proxectos literarios...

Tamén foi fundadora da Asociación Os Vilares e promotora da Romaría Labrega da Chaira. Como é a súa experiencia á fronte destas organizacións?

Participei desas creacións con máis persoas, entre elas o meu pai e agora tamén na creación da Asociación Socio-Cultural Os Vilares lareira de soños e a Nova Poesía Guitírica NPG e de todos eses proxectos me sinto moi orgullosa. Agora estou moi comprometida coas dúas últimas que están a desenvolver un traballo moi fermoso para Os Vilares, Guitiriz e a Terra Chá, e o libro forma parte deses proxectos.

Que implican estas asociacións e festas para Guitiriz?

O traballo asociativo de base é fundamental para o rural, no social, no cultural, no literario... Nós traballamos pola recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial, a historia e a promoción da nosa cultura e tradicións. Entidades como Xermolos libran un papel imprescindible non só cos actos máis destacados, senón pola conexión e o compromiso que xeneran coa contorna. Trátase sempre de sumar entre todos e todas...

É organizadora, a través de distintas plataformas nas que participa de numerosas actividades culturais e sociais, está preparando algo para o futuro?

O noso proxecto máis inmediato agora é coa NPG o Festival de Poesía Guitírica, co apoio do concello e numerosas entidades de Guitiriz. Outro paso para facer de Guitiriz unha referencia poética na provincia e no país e seguir a manter viva a memoria de Díaz Castro.

pastora veres manuel maria
0.16754293441772