Entroido perpetuo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
16 Feb 2021

Por Rebeca Maseda

Libre, como el sol cuando amanece, yo soy libre como el mar...” así versa a fermosa e famosísima canción do gran Nino Bravo, pero, ¿cánto hai de verdade nesa afirmación? ¿somos realmente libres ou só nos sentimos así? ¿trátase só dunha percepción, dunha ilusión? Difícil resposta. Cada un de nós vive na súa propia “Caverna de Platón”, existen tantas como persoas neste mundo. Sempre é moi complexo afrontar a nosa propia realidade, analizar a nosa vida de preto, auto-xulgarnos. As sombras reflexadas na nosa “caverna” son Netflix, Amazon, Facebook, Instagram..., esa proxección de nós mesmxs. Vivimos na “casiña de chocolate” -elocuente metáfora que tan ben apuntou a miña compañeira Susana de Lorenzo-; ese lugar de falsa seguridade onde todo parece fácil, sen necesidade de esforzarse. Temos ao alcance máis pelis e series das que poderiamos ver nunha vida, compramos facendo un simple “click”, ¡todo ventaxas!, ou iso din... Pero é que claro, xirar a cabeza na nosa “caverna” e pegarnos coa realidade de cara é moi duro, digo máis, é moi humano e comprensible querer escapar de todo aquilo que nos produce dor. Pura supervivencia, así de sinxelo.

Febreiro é mes de Entroido, de filloas e cocido, de disfraces e máscaras. Pero, ¿acaso non vivimos xa no mundo das aparencias, das sombras e os reflexos? Parece que nin sequera somos capaces de apreciar a fermosura inherente da Natureza sen poñer un filtro. Sí, sí, algún dos tropecientos que ten o Iphone 50, ou cal sexa o modelo polo que vaiamos. Pero claro, cómo vamos valorar todo aquilo que nos rodea se non somos capaces de observarnos a nós mesmxs con verdade, sen filtros nin máscaras. En definitiva, sen disfraces. E é unha mágoa, porque hai infinidade de beleza ao noso alcance. Iso sí, tes que querer vela e sentila. E entón, cando traspasas toda esa maraña, ábrese unha fiestra moi grande, xigante diría eu. E podes deixar de percibir a realidade só a través do reflexo da fogueira, deixando a caverna atrás para sempre.

Parece ser que a celebración do Entroido ten a súa orixe en festas paganas que se remontan á Sumeria e Exipto antigos, hai máis de 5.000 anos; e que posteriormente continuaron durante o Imperio Romano no que hoxe coñecemos como “Bacanais”, festas na honra de Baco, Deus do viño. Coa expansión do Imperio a través de Europa, a festividade do Entroido acada unha gran popularidade e arraigamento cultural nos territorios conquistados, sendo levada ás Américas por navegantes españois e portugueses a finais do século XV. Para visualizar a idea de “bacanal” podemos tomar, por exemplo, a extraordinaria representación que nos regala Tiziano (1490-1576) en “A bacanal dos andrios”. Inspirado na obra do filósofo grego Filostrato de Lemnos (Imágenes, I, 25); a escena transcorre na illa de Andros, tan querida por Baco que o viño abrollaba dun arroio. Deuses, homes e nenos únense na celebración dos efectos do viño, que en palabras de Filostrato: “fai aos homes ricos, dominantes na asemblea, xenerosos cos amigos, fermosos e de catro cóbados de altura”. Curiosa descrición... Redunda nesta idea a partitura en primeiro plano: o canon “Chi boyt et ne reboyt il ne seet que boyre soit” (Quen bebe e non repite non sabe o que é beber), atribuído a Adriaen Willaert (1490-1562), compositor flamengo ao servizo da corte de Ferrara. A inclusión deste canon -antecesor do canon por tons- e o intento de recreación da música da Grecia Clásica, revela profundas analoxías entre a teoría musical ferraresa contemporánea e as innovacións cromáticas de Tiziano, quen ao parecer posuía coñecementos musicais.

Son tamén numerosas as composicións musicais inspiradas no Entroido, como exemplo mencionarei tres especialmente recoñecidas. Comezarei pola famosísima suite “Le carnaval des animaux”, obra do compositor romántico francés C.Saint-Saëns (1835-1921), unha música chea de humor e orixinalidade. Sen abandonar Francia e o Romanticismo temos a abertura “Le carnaval romain” de H.Berlioz (1803-1869), pertencente á súa ópera “Benvenuto Cellini”. E por último, a obra dun colega moi admirado por Berlioz, o compositor e virtuosísimo violinista italiano, N.Paganini (1782-1840). O seu tema con variacións, “Le carnaval de Venise”, non é só un auténtico alarde de mestría violinística, senón que está impregnado dunha beleza e frescura exquisitas. Non é de estrañar que un evento tan extraordinario e delicioso como a celebración do Entroido na cidade de Venecia inspirara a Paganini, por suposto, sen desmerecer outras festividades igualmente únicas como a de Río de Janeiro, Cádiz, Xinzo de Limia, Verín cos seus cigarróns ou Laza cos seus peliqueiros.

Disfrutemos do Entroido con boa música, cocido e filloas; pero iso sí, deixemos disfraces e máscaras ben gardadiños o resto do ano. Poder observar todo o que nos rodea con verdade e naturalidade permitiranos vivir fóra da “caverna” sen medo a un entroido perpetuo.

0.18473792076111