Escolares do CEIP Terra Chá visitan unha gandaría da Pontenova

TerraChaXa
Alumnas e alumnos do CEIP Terra Chá de Vilalba visitaron esta semana a gandaría de razas autóctonas Alejandro Salvatierra, na Pontenova, no marco da segunda edición do programa Da Escola á Granxa da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
visita gandaria pontenova ceip terra cha
visita gandaria pontenova ceip terra cha
27 Out 2023

Alumnas e alumnos do CEIP Terra Chá de Vilalba visitaron esta semana a gandaría de razas autóctonas Alejandro Salvatierra, na Pontenova, no marco da segunda edición do programa Da Escola á Granxa da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Medio Rural Daniel García participou na visita, na que o alumnado -do último ciclo de primaria- coñeceu o traballo diario nunha gandaría extensiva, con vacas, cabalos, ovellas, cabras e porcos, a maioría de razas autóctonas.

Da súa man, percorreron os arredores da gandaría onde se alimentan os animais, pradeiras gañadas ao monte con queimas controladas e pastoreo, que modificaron a contorna da aldea de Neipín. Alejandro Salvatierra incidiu na súa explicación na importancia destas zonas de pradeira para protexer as aldeas fronte aos lumes.

Daniel García explicou que “queremos que as nenas e nenos teñan referentes profesionais e vitais na gandaría e na agricultura, como teñen doutras profesións e sectores. Afastar definitivamente ese estigma social arredor da gandeira, para que á hora de enfocar ás súas vidas vexan o rural e o sector primario como unha opción. As persoas que viven e traballan nestas granxas son ideais para iso porque transmiten a enerxía e o orgullo polo que fan”

A gandaría Alejandro Salvatierra incorporouse nesta edición ao programa Da Escola á Granxa, do que forman parte un total de 29 proxectos de emprendemento rural. Trátase de granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, que comparten a aposta polo rural, por producións de calidade e por modelos e formas de manexo sostibles e adaptadas ao territorio.

A área de Medio Rural financia as visitas ás asociacións de nais e pais que solicitaron as actividades, que se están a desenvolver neste segundo semestre do ano. Participarán nelas preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo). O programa supón un investimento de 80.000 euros.

ceip terra cha 2 visita ganderia
0.18573808670044