Estabilizado o incendio nas Fragas do Eume, onde houbo que desaloxar o mosteiro de Caaveiro

GaliciaXa | TerraChaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Consellería do Medio Rural lembra que permanece operativo o teléfono gratuíto 085 para comunicar a detección de incendios forestais
incendio-fragas-do-eume
23 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural informou de que xa está estabilizado o incendio declarado na madrugada no concello da Capela, dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, que afectou a un total de 50 hectáreas, todas elas dentro do espazo protexido.

O incendio iniciouse ás 05.27 horas na parroquia da Capela e nos traballos de extinción participan 3 técnicos, 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 avións e 5 helicópteros. Durante a tarde foi preciso desaloxar o mosteiro de Caaveiro debido á proximidade das chamas.

Ao mesmo tempo, continúa controlado outro incendio rexistrado neste mesmo municipio coruñés. O lume iniciárase o pasado domingo ás 04.06 horas e foi dado por controlado ás 00.55 horas desta madrugada. As estimacións provisionais apuntan a que afectou unhas 30 hectáreas. Para combatelo mobilizáronse dous técnicos, 17 axentes, 25 brigadas, 26 motobombas, unha pa, 3 helicópteros e 4 avións.

Na provincia de Ourense continúa controlado desde as 20.10 horas do luns o incendio forestal da parroquia de Manzalvos, no concello da Mezquita, que entrou desde Portugal durante a mañá do domingo. A superficie afectada en Galicia sitúase arredor das 50 hectáreas. No operativo participan un técnico, 16 axentes, 26 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que permanece operativo o teléfono gratuíto 085 para comunicar a detección de incendios forestais, así como o número anónimo 900 815 085 para denunciar posibles actividades incendiarias. Ademais, a cidadanía pode consultar información actualizada sobre os lumes a través da aplicación Alume e da conta oficial @incendios085 na rede social X.

0.11767220497131