“Estamos retomando a Escola municipal de Tiro con Arco”

TerraChaXa
Entrevista a Manuel Buitrón, presidente, e Alfredo Rubio, secretario, do pontés Club Sílex, onde Alvariño vén de gañar novamente.
CLUB SILEX AS PONTES4
CLUB SILEX AS PONTES4
11 dic 2022

Manuel Buitrón, presidente, e Alfredo Rubio, secretario, do pontés Club Sílex.

O seteiro Miguel Alvariño, do club Sílex, logrou facerse coa medalla de prata na final da Copa do Mundo de arco recurvo, que se disputou na localidade mexicana de Tlaxcala. O deportista, que hai sete anos xa se fixo con este título, perdeu a final ante o coreano Kim Woojin. Este é un dos últimos logros do Club Sílex, do que nos falan Manuel Buitrón, presidente, e Alfredo Rubio, secretario.

Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos?

O club nace no ano 1991 despois dun curso de iniciación impartido pola Federación Galega de Tiro con Arco, sendo o primeiro presidente Vicente López Carballo. Dende entón os membros do club participaron en torneos convocados por outros clubs, nos campionatos galegos e campionatos e grandes premios convocados pola Federación Española. Os éxitos ao longo destes anos foron moitos, tanto individuais  como por equipos, declarándonos campións individuais galegos e de España. Por equipos podemos destacar os distintos campionatos obtidos nas convocatorias do Galego de Equipos, tamén se obtivo en máis dunha ocasión resultados máis que meritorios no Campionato de España de Equipos de Club, obtendo en dúas ocasións a clasificación para disputar o Europeo, o cal se tivo que renunciar ao non ter un patrocinio que permitira o desprazamento. A participación dos arqueiros en campionatos internacionais sempre foi baixo a tutela da Federación Española e despois de obter a clasificación individual para participar. Sempre que a Federación Galega participou no campionato de España por autonomías, tanto en sala como ao aire libre, participou un arqueiro do Club Sílex, e incluso nalgunha ocasión foron os arqueiros do club quenes disputaron en representación de Galicia dito campionato. O palmares é interminable, pero podemos destacar varios nomes por ter acadado o título máis dunha vez: Vicente López, Fernando Vérez, Montse Escudero, Juana París, Adriano Romero, David Romero,  Carlos Romero, Diego Pajón, Jacobo Barro, Gema Buitrón, Xaquín Mira, Cristina Castro e máis recentemente, Miguel Alvariño, Daniel Castro ou Pedro Pina.

De que logros se sinten máis orgullosos?

Dos primeiros campionatos de España que lograron os arqueiros infantís. A primeira arqueira (Gema Buitrón) que foi seleccionada pola Federación Española para integrarse no equipo español e que disputaría as primeiras competicións internacionais. Tamén a clasificación para os xogos olímpicos de Río de Miguel Alvariño e a segunda clasificación para as olimpíadas de Tokyo de Daniel Castro. Non podemos esquecer a medalla de ouro nos primeiros xogos europeos da historia gañada por Miguel ou a súa medalla tamén de ouro na Copa do Mundo

Cantos xogadores e de que categorías tedes actualmente?

Neste momento son poucos os deportistas que están a participar nas distintas competicións, tendo arqueiros na categoría sénior, júnior e veterano.

Quizais as figuras máis representativas do club sexan Miguel Alvariño e Dani Castro.

Os dous neste momento son un activo moi valioso que están centrados na súa preparación de cara aos clasificatorios que  empezarán neste mes para as competicións internacionais do ano 2023.

Como se presenta a tempada? Que obxectivos hai?

Na tempada que agora empezamos temos postas moitas esperanzas, por un lado as deportivas de que os  arqueiros máis activos sigan acadando os máximos triunfos, destacando Miguel e Daniel a nivel internacional; e nun nivel   máis próximo, preparando os arqueiros para as competicións galegas e españolas. Tamén esperamos incorporar algún arqueiro ao programa de alto rendemento da Federación Española.

A nivel local estamos retomando o funcionamento da Escola municipal de Tiro con Arco, polo que pouco a pouco iranse incorporando arqueiros á disciplina do club.

Outro obxectivo moi importante nesta tempada é a execución das obras polo Concello das Pontes das instalacións de tiro con arco, o que nos permitiría dar un salto cualitativo importante, o que significaría unhas instalacións permanentes e de uso continuo polo que os  arqueiros poderían adestrar case a calquera hora, podendo  aproveitar o máximo  o seu tempo e as instalacións.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

No deportivo, ampliar e incorporar ao club   máis deportistas. En canto as infraestruturas, poñer en marcha o antes posible as novas instalacións, que neste momento están en fase de redacción e licitación do proxecto.

E necesidades?

Primeiro ter unhas instalacións acordes ás necesidades dos arqueiros e despois ter os fondos suficientes que permita aos  arqueiros participar en canta competición se convoque e para a cal estean preparados.

Contan con axuda para manter o club activo?

Contamos  coa  axuda económica e persoal dos socios e deportistas  e unha subvención anual do Concello das Pontes .

Ademais da competición programan outra serie de actividades?

Programamos en colaboración cos  colexios unha xornadas de tiro con arco (Arco na Escola), as cales levamos varios anos que  non se puideron celebrar, cousa que  esperamos que este ano cambie

Practícase moito nas Pontes?

Por desgraza non se practica moito nas Pontes nin en Galicia, quizais por descoñecemento e por outra banda a necesidade de instalacións axeitadas, cousa que non se dá con moita frecuencia. Todo isto leva a que non teña moito seguimento por parte do público nin por parte dos medios de comunicación ao marxe dos grandes resultados que se obteñan. Por poñer un exemplo, poucas vilas, pobos ou cidades poden dicir que teñen dous ouros olímpicos e os medios de comunicación máis ala da noticia instantánea dese éxito non cobren outras noticias.

CLUB SILEX AS PONTES1
CLUB SILEX AS PONTES3
CLUB SILEX AS PONTES2
EQUIPO ESPANOL TIRO CON ARCO MIGUEL ALVARINO
club silex as pontes miguel alvarino dnai castro