Estanse a instalar 10 novas marquesiñas nas estradas de oito concellos de Lugo

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Estanse a instalar 10 novas marquesiñas nas estradas autonómicas e contronas rurais de oito concellos da provincia lucense
foz marquesina  Estrada LU 152 Ferreira Foz
18 Oct 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a instalar 10 novas marquesiñas nas estradas autonómicas de oito concellos de Lugo, todas elas en contornas rurais. En Alfoz os traballos realizados foron nos puntos quilométricos 17,2 e 18,6 da estrada LU-160.

Nestas semanas tamén quedarán instaladas dúas na LU-115 en Outeiro de Rei e as demais en vías autonómicas de Triacastela, Guntín, Muras, Bóveda, Foz e Xove. Catro delas veñen a substituír a instalacións obsoletas e as demais sitúanse en puntos que carecían deste servizo.

Paralelamente, a Consellería tamén está a entregar refuxios similares aos concellos, que  asumen e deciden a súa colocación nos puntos nos que consideran que prestan un mellor servizo aos veciños e veciñas. 

O obxectivo é dotar de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada, que ofrezan ao usuario unha protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera. Tamén se pretende fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia, cun deseño integrado na paisaxe que inclúe materiais autóctonos como a madeira.

Neste sentido, o delegado explicou que a Consellería formalizou un contrato de máis de 1 millón de euros para a fabricación e subministro de 200 refuxios de tipoloxía rural, e inviste agora unha media de 5.800 euros en cada instalación. Deste xeito, dá  continuidade á actuación impulsada no 2018 mediante a que xa se instalaron 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia. 

En xeral, os traballos inclúen -ademais da instalación en si- a execución da soleira cando é necesario e a súa adaptación de pendentes, a reposición da drenaxe lonxitudinal da estrada e dos accesos, execución de pequenos muros cando hai desnivel, ensanche puntual da beirarrúa para cumprir as condicións mínimas de accesibilidade e a colocación de sinalización.

Sitúanse en terreos de dominio público viario, en zonas que contan coas autorizacións pertinentes e co compromiso dos concellos de asumir o seu posterior mantemento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16405701637268