Marica Campo recibirá o nomeamento de socia de honra do Iescha na homenaxe a Manuel María
Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os Actos da Cultura Chairega, en homenaxe a Manuel María, coincidindo neste 2023 co seu XIX Cabodano.
O venres 8 de setembro ás 20.30 horas, no espazo Manuel María, terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego. A entrada é libre e gratuíta.
O sábado 9 de setembro ás 20.30 horas, no auditorio municipal, terá lugar, primeramente o acto de entrega da placa de socia de honra do Iescha a Marica Campo, nomeamento acordado por aclamación dos asistentes na Asemblea Xeral do día 24 de marzo de 2023.
María Pilar Campo Domínguez, Marica Campo, é unha escritora galega, nacida no Val do Mao, no concello do Incio. Outórgaselle a condición de Socia de honra do Iescha "pola súa defensa da lingua e cultura galegas, polo seu compromiso feminista, pola súa calidade literaria, pola súa abundante obra que abrangue diversos xéneros e temas, polo seu compromiso tamén coa promoción e difusión da cultura chairega e pola súa disposión a colaborar en actividades organizadas polo Instituto de Estudos Chairegos".
A continuación levaráse a cabo o concerto do grupo galego Tundal. A entrada para este acto será tamén de balde, pero por motivos organizativos e de loxística, haberá que realizar a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura, ou ben directamente no Auditorio o mesmo día 9.