Este venres continúa o ciclo sobre fénimas galegas do Iescha falando da muller tradicional

TerraChaXa
O Iescha organiza o venres na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha conferencia sobre a muller tradicional na literatura.
conferencia muller ricardo polin iescha portada
conferencia muller ricardo polin iescha portada
10 Maio 2023

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 12 de maio de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a conferencia A que fía, ama e ora. Estampas da muller tradicional na literatura de costumes (e no gravado antigo), impartida por Ricardo Polín, doutor en Filoloxía e Historiador. Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Esta será a terceira conferencia correspondente ao ciclo Mulleres Galegas, programado polo Iescha para levar a cabo durante todo este ano 2023. A primeira tivo lugar no mes de xaneiro e correu a cargo de Germán Castro que falou da científica galega Ángeles Alvariño, e a segunda, no mes de marzo, foi impartida por Vanesa Siso e levaba por título: A cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. Revisión das cantigas de tradición oral. Están programadas máis para o resto do ano.

RICARDO POLÍN

Ricardo Polín, doutor en Filoloxía e historiador, destaca como autor de numerosos estudos de historia da literatura, crítica textual e edición de textos antigos, obras polas que ten recibido premios como o extraordinario de doutoramento, o da Crítica de Galicia en investigación, o Ánxel Fole de ensaio ou o do Ministerio de Educación e Cultura á edición, sendo pioneiro na documentación histórica e cartográfica da primeira vía das peregrinacións a Compostela.

Entre a súa densa produción figuran obras como Literatura do século XIX, Filoloxía medieval, Literatura dos anos trinta e da posguerra e Guía histórica e cartográfica do Camiño Primitivo de Santiago. É colaborador en varios proxectos colectivos de carácter histórico ou filolóxico (Gran enciclopedia galega, Proxecto Galicia, La gran obra de los caminos de Santiago, etc), posúe numerosa obra dispersa en coleccións, xornais e revistas especializadas.

É autor da exposición e do catálogo Escritos na floresta. Árbores senlleiras na cultura chairega, promovida no ano 2014 polo Iescha, coa colaboración da Área de Cultura - Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

conferencia muller ricardo polin iescha
0.20792007446289