Estrea do documental ‘O camiño de Ramón Chao’ en Ourense

TerraChaXa
Unha delegación da Asociación Cultural Amigos de Prisciliano, fundada por Ramón Chao, acudiu o pasado 2 de outubro ao Ourense Film Festival (OUFF) para asistir á estrea do documental ‘O camiño de Ramón Chao.
estrea documental ramon chao ourense amigos prisciliano
3 Out 2023

Unha delegación da Asociación Cultural Amigos de Prisciliano, fundada por Ramón Chao, acudiu o pasado 2 de outubro ao Ourense Film Festival (OUFF) para asistir á estrea do documental ‘O camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano’, dirixido por Aser Álvarez (Arraianos Producións) e que conta coa colaboración especial de Antoine Chao como guionista asesor.

Esta peza audiovisual está ambientada coa banda sonora de Manu Chao (cedida expresamente tras o seu concerto de 2022 en Vilalba) e nela realízase unha aproximación á traxectoria vital de Ramón e á súa particular obsesión pola figura histórica de Prisciliano (340-385), cuxa execución -tras ser acusado de herexía- considérase o primeiro exemplo no que a xustiza secular interveu cunha condena á morte por un asunto de índole eclesiástica.

A súa principal fonte de inspiración é a obra ‘Prisciliano de Compostela’ (Barcelona, Seix Barral, 1999), apoiándose tamén na biografía autorizada ‘Ramón Chao, bosquexo dun rebelde’, escrita polo xornalista Moncho Paz e publicada en 2018 polo Instituto de Estudos Chairegos. Ambos textos contribúen a establecer un fío condutor que parte de Vilalba, localidade natal do autor, e péchase en Compostela, pasando por Tréveris e Paris.

A representación oficial de Amigos de Prisciliano estivo encabezada por Moncho Paz, actual presidente da entidade e Pepe Saburido, delegado en Ourense, acompañados pola creadora audiovisual Katia Armesto e polo músico Matías Giliberto, dous novos valores afincados en Barcelona que se incorporaron recentemente aos circuítos culturais promovidos pola asociación.

Dende a súa creación en 1996, o Ourense Film Festival é un dos eventos máis importantes de Galicia na súa especialidade e ten a aspiración histórica de converterse no festival audiovisual da comunidade autónoma. Ao longo da súa traxectoria, consolidouse como promotor do cinema de autor e a súa contorna social, mantendo o seu compromiso de ser un punto de encontro anual para profesionais do sector en Galicia. O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e patrocinado pola Deputación Provincial de Ourense.

0.15128421783447