Eu non quero ralentizar a miña vida... quero vivila!

TerraChaXa
Por Marta R.
Marta Rodríguez Engroba
11 May 2018

Por Marta R. Engroba - Asociación. Si, hai saída.

As poucas veces que teño tempo para votar unha ollada a algunha revista de moda, porque si, eu confeso que de cando en vez me gusta velas e non tento  xustificarme con iso de “soamente as vexo cando vou a perruquería”,  nin que fora un delito! non deixa de chamarme a atención a profusión de artigos e reportaxes que nos amosan toda clase de tratamentos e de productos para tentar paliar os efectos do tempo no noso aspecto físico, e, nos dín, algo moi recurrente dun tempo a esta parte, que os cincuenta anos da muller son os novos cuarenta, ou que os cuarenta son os novos trinta.

Tamén abondan os consellos para tentar levar o paso do tempo e os seus ineludibles efectos sen caer na desesperación mais absoluta.

O certo é que todo isto me fai reflexionar e preguntarme que clase de mundo e de sociedade son os que estamos a vivir, que nos fan sentir as mulleres case coma lixo en canto deixamos de estar guapas e estupendas.

A min, non o nego, tamén me gusta estar o mellor posible, malia que en honor a verdade teño que dicir que non fago moito por acadalo. Nin teño tempo, nin me distingo pola constancia en dedicarme coidados ou tratamentos. Tampouco o meu presuposto me da para moitas alegrías, malia que podería mimarme un chisquiño mais, por exemplo descansando o tempo que realmente precisaría, que iso é gratis, pero bueno, ten que haber de todo no mundo e eu son así, que lle vou facer!.

Malia todo,non son allea as pegadas do tempo, nin moito menos, e non é que as celebre, pero, francamente, prefiro invertir o meu tempo en vivir do mellor xeito posible, e facendo cousas que me fagan feliz.

Ademais, honestamente, penso que non todo o que o paso do tempo nos vai deixando  é negativo.

Pode ser que eu tardara demasiado en espertar dunha especie de letargo que arrastrei durante anos, pero o tempo, ademais de achaques e de engurras, tamén me está a facer algún agasallo.

Penso que por fin me coñezo. Por fin fun quen de rachar con quen “fagocitaba” a miña vida e aprendín a querer a quen o merece e a identificar a quen merece ese amor e me quere de verdade.

Teño moi claro  qué quero facer, e a paciencia e o tesón que antes me faltaban, ademais de toda ilusión do mundo para facelo.

Son a dona do meu tempo, e eu decido a qué e a quen llo dedico. Por fin me podo permitir ese luxo!.

Négome en redondo a tentar vivir como se tivera vinte anos menos, pero tampouco como si xa non tivera nada que facer nesta vida agás falar de dores e enfermidades.

Non me visto de adolescente, pero tampouco perdín a coquetería nin a ilusión por arreglarme, e, por suposto, non teño nin a mais mínima intención de votarme anos e tristura enriba con vestimentas lúgubres, pero, eso sí, “de señora”. Claramente non van conmigo.

Gañei en serenidade, e, non sei si chamarlle sabiduría, ou sinxelamente intuición, que me fai fuxir de quen non me aporta nada e dos vampiros psicolóxicos que durante moitos anos sobrevoaron por riba de min. Eu escollo quen forma parte da miña vida!.

E xa que falo deste tema, non podía esquecer tocar un que, ainda hoxe é tabú....A temida menopausia, esa desgraza biolóxica que nos fai ingresar no grupo das oficialmente vellas, e mesmo desquiciadas.

Pois tamén neste tema queda demostrado que son rara, porque si, son quen de verlle algo positivo!.

Claro que non me libro dalgún que outro abafo , e que me visto como as cebolas, a capas, para ir poñendo ou quitando según o meu termostato vai subindo ou baixando, pero....que liberación,  por favor!.

Por fin me librei dese incordio de cada mes, que non por reivindicado, algo que está tamén moi de moda últimamente, deixa de ser un auténtico latazo, e eso con sorte, si non es unha das que se sinten realmente mal.

Tampouco a vida sexual remata. Pola contra, a tranquilidade que supón non estar pendente de evitar un posible embarazo, así como o saber perfectamente a estas alturas da vida qué queremos e como o queremos, poden ser un plus que a faga mais satisfactoria, porque hai que ter en conta, ademais, que a capacidade de disfrutar do sexo reside en gran parte na mente.

Así as cousas, tal vez sexa certo que eu son rara, seguramente, pero o que teño moi claro é que nos meus plans non entra para nada malgastar a miña vida lámentándome do paso do tempo.

A miña intención é asumir cada etapa con naturalidade, tentando sacar o mais positivo de cada unha, e disfrutando de todo o bó que a vida me ofrezca.

Non faltarán achaques, seguro, nin malos momentos, e os anos irán deixando as súas pegadas en min, pero, ainda así, non me vou embarcar nunha loita contra o reloxo vital que me restaría ledicia e soamente me traería frustracións.

Por iso non vou malgastar os anos que me queden tentando ralentizar a miña vida. Prefiro vivila!.

0.16480588912964