Eu son vella, ti, un maduro interesante. Hai igualdade?
Por Marta R. Engroba
Asociación Si, hai sáida.
Hai quen dí, sobre todo homes, que avanzamos moito en canto a igualdade entre homes e mulleres, que os dous sexos temos xa os mesmos dereitos e que xa chegamos por fin a ese punto de tanto monta, monta tanto.
Eu non concordo en absoluto, e a realidade de cada día non fai senón demostrarme o atinado do meu escepticismo.Comezando polo rol que ainda homes e mulleres temos claramente diferenciados en non poucos fogares, nos que a muller é a encargada das tarefas domésticas, coidado dos nenos e maiores, etc, etc, mentras o home se dedica exclusivamente ao traballo remunerado fora da casa, ata a fenda salarial por mor da cal a igual traballo as mulleres cobramos menos, pasando polas limitacións que a sociedade nos impón e que nos din, por exemplo, que as mulleres non podemos transitar soas pola rúa de noite, nin vestirnos dun determinado xeito que poida provocar os instintos dalgún depredador , as evidencias de que esa pretendida igualdade é, polo momento, e malia os pequenos avances acadados, case unha utopía, son numerosas e constantes.
Un dos eidos no que esto queda mais que demostrado é no estético. As mulleres temos a obriga de estar sempre perfectas, atractivas e sen un átomo de grasa de mais nos nosos corpos. A medida que van pasando os anos e o tempo vai deixando as lóxicas pegadas no noso físico, esta escravitude, porque non se lle pode chamar doutro xeito, vai en aumento.
As mulleres, a partir de certa idade, pasamos a ser algo así como obxectos supérfluos. Xa non somos novas, nin atractivas, motivo polo cal as portas se nos van pechando., na mesma medida que os kilos e as engurras se van convertindo nos nosos compañeiros. A nivel laboral e social xa non somos aceptadas, o que fai que non poucas, opten, nun vano intento por frear as evidencias do paso do tempo, por emprender unha encarnizada loita que, mais tarde ou mais cedo, rematan por perder.
E mentras esto ocorre, vemos, con desalento e, por qué non dicilo, tamén con envexa, como os nosos colegas masculinos, a medida que comezan a peitear canas, lonxe de iniciar o camiño hacia ese aparcadoiro de vellas glorias, comezan a revestirse dunha pátina de elegancia e distinción, que os fai, aos ollos de moitas mulleres, irresisitiblemente atractivos, ou, dito doutro xeito, mentras nos tentamos por todolos medios ralentizar o noso declive, eles van gañando enteiros en atractivo, mesmo algúns daqueles que de novos pasaban pola vida sen pena nin gloria, comezan a ter, nesta etapa da súa vida, o seu “aquel” para o sexo contrario, sobre todo para aquelas de unha idade considerablemente menor que a dos galáns en cuestión, que pasan, desde ese momento, a integrar a afagadora lista de “maduros interesantes”.
Case con toda probabilidade, estos apostos cabaleiros , comezarán, coma nos, mulleres, a notar os achaques propios da idade, pero no seu caso, manteñen o que, de cara ao mundo , é o mais importante, un envoltorio de luxo, que os fan socialmente aceptables, mentras que nos ingresamos, oficialmente, no club das menopaúsicas.
E non esquezamos eses escarceos mais ou menos amorosos que, non sei se nun intento de demostrar que se segue na plenitude da xuventude ou por pura inxenuidade, se dan non poucas veces nesta época da vida. Tampouco ahí a igualdade se fai notar. Se é el, o galán de sens prateadas, o que decide demostrar que as súas dotes amatorias seguen en forma, por moito que se lle critique, a “aventura” é mirada con benevolencia é mesmo con simpatía, sendo considerada a nova parella, e de novo aquí a estética xoga un importante papel, atractiva e “glamourosa”.
Se, pola contra, é a muller madura a que decide renovar a súa savia sentimental con un home considerablemente mais novo, automáticamente, case con total seguridade, vai ser tachada de tola cando non de algo peor.
Así as cousas, cada vez me reafirmo mais que para acadar a igualdade, esa igualdade que hai quen dí que xa acadamos, ainda nos queda moito camiño por percorrer e moitas mentes pechadas por abrir.
Mentras tanto, e agás que ocorra un milagre, algo improbable, nos seguiremos sendo vellas e eles, maduros interesantes. Non hai outra.