EuroEume organiza en As Pontes obradoiros de cociña do mundo para compartir sabores e culturas

TerraChaXa | FerrolXa
As actividades comezarán o martes 1 de decembro, ás 18:00 horas, no local social da AVV As Campeiras
platos-con-raiz-campeiras
26 Nov 2026

EuroEume, en colaboración coa Asociación Veciñal As Campeiras e o Concello das Pontes, pon en marcha os obradoiros de cociña do mundo Pratos con Raíz, unha iniciativa que busca achegar outras culturas a través da gastronomía e das historias en primeira persoa.

As actividades comezarán o martes 1 de decembro, ás 18:00 horas, no local social da AVV As Campeiras, e prolongaranse ata o 22 de decembro. Os obradoiros desenvolveranse todos os martes, en horario de 18:00 a 20:00 horas.

As sesións estarán impartidas por mulleres migrantes que ensinarán a elaborar receitas típicas das súas terras de orixe, compartindo ao mesmo tempo as súas raíces, costumes e vivencias. A proposta pretende crear un espazo aberto á veciñanza das Pontes para aprender, descubrir novos sabores e favorecer os lazos de convivencia na comunidade.

A participación será gratuíta, pero, por cuestións de aforo, será necesario realizar unha inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse a través do teléfono 981 44 06 68 (extensión 1) ou do correo electrónico euroeume@euroeume.org.

A actividade está organizada por EuroEume dentro do programa Galicia Acolledora, financiado polas axudas para fins sociais da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF, e polo Concello das Pontes mediante as subvencións dirixidas a entidades sociais de 2026.

0.14615607261658