Exclusión social. A sombra que a todos pode alcanzar

TerraChaXa
A incerteza xorde cara ao futuro de Todo vai ben.
Marta Rodríguez Engroba
8 Nov 2017

A incerteza xorde cara ao futuro de Todo vai ben. A vida discorre placidamente, sen maiores sobresaltos, e malia que a cousa non da para demasiados dispendios, tampouco a escaseza nos acompaña e non nos falta de nada, mesmo as veces cae algún que outro capricho, e as comodidades forman parte do noso día a día.

De súpeto, e cando menos o agardamos, un día todo muda. A pantasma do paro que semellaba non ter nada que ver con nos, visítanos. Unha enfermidade inesperada, ou mesmo unha desafortunada inversión feita coa intención de aportar máis seguridade ou confort á nosa xa estable vida, dan ao traste con ese entorno de seguridade que construímos, case sempre con moito esforzo e traballo.

As dificultades para facer fronte aos pagos van medrando de día en día, as facturas comezan a amontoarse, e chega o momento no que o mais básico para sobrevivir se convirte nun luxo inalcanzable. Da man de todo isto, chegan as nosas vidas outros convidados non desexados que durante moito tempo estiveron agochados, sen deixarse ver, ou paseándose por outros fogares alleos aos nosos: A vergoña e o estigma social que sinala a todos cantos a fortuna deixou de sorrirlles. Uns convidados que teñen a facultade de acovardarnos aínda mais do que xa estamos, de lembrarnos que estamos sinalados, que o que nos pasa e algo vergoñoso. Compre calar, que ninguén saiba o que está a acontecernos. Non podemos, porén, pedir axuda. Finxamos que todo segue igual. Quen sabe? Poida que un milagre ocorra e todo quede nun mal sono.

Ese milagre non chega e o seguinte e con toda probabilidade inevitable chanzo, adoita ser a perda da vivenda.

Tampouco entón, nese momento no que a nosa sensación de fracaso, de culpabilidade, ameaza con afundirnos definitivamente, faremos nada por evitar o desenlace que está a piques de caernos enriba. Sabemos que hai recursos, que podemos loitar, pero facelo implicaría que a nosa situación se soubese, e iso nunca. A nosa sociedade, unha sociedade hipócrita e tinguida de falsa moral, non perdoa a vulnerabilidade, pola contra, a castiga e a sinala sen piedade, convertendo ao desafortunado en delincuente, ou, dito doutro xeito, transforma a exclusión social, na que “ingresamos” oficialmente, en delito.

Esta pequena crónica non é senón o reflexo da realidade que moitas familias están a vivir, unha realidade da que, por moito que nos semelle imposible, ninguén está libre.

A súa sombra e longa, moi longa, tanto que pode alcanzar a calquera de nos, por moito que tentemos escapar.
Non é doado facelo, pero si posible.

O primeiro requisito? Entender que todos e cada un de nos pode chegar a esta situación e que exclusión social e vergoña non son sinónimos. Namentres, a hipocrisía, a dobre moral, seguirá marcando moitas vidas de xeito irreversible, e mesmo tráxico.

Marta R. Engroba
Asociación Si, hai saída

0.17046594619751