Executan as obras de mellora na AG-64 ao seu paso por Xermade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executa esta semana obras de rehabilitación do firme en 3 quilómetros da autovía AG-64, que une Ferrol e Vilalba, ao seu paso polo municipio de Xermade. Os traballos contan cun orzamento de 75.500 euros, con cargo ao contrato de conservación de estradas para a zona Norte de Lugo.
As actuacións previstas consisten en rehabilitacións localizadas do pavimento mediante o fresado das capas do firme deterioradas e a substitución por novas mesturas asfálticas en quente nunha superficie aproximada de 3.600 metros cadrados, entre os puntos quilométricos 39+790 e 42+710, isto é, dende o límite da provincia da Coruña ata o enlace de Cabreiros -conexión coa estrada LU-540-. Posteriormente, procederase á reposición das marcas viarias afectadas.
Está previsto habilitar carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións puntuais do tráfico para realizar os traballos.
A actuación dá continuidade ás obras de reforzo do firme rematadas o pasado verán en 13,4 quilómetros desde o enlace de Cabreiros ata a intersección coa autovía do Cantábrico A8, ás que se destinaron máis de 1 millón de euros.