Éxito de participación no programa «Camiños de coñecemento e experiencia» en Xermade

TerraChaXa
A programación abordou cuestións relacionadas coa biodiversidade e a paisaxe agroforestal, as competencias dixitais e a literatura galega
curso-usc-xermade-camino-conecemento
16 Oct 2026

O Concello de Xermade pechou con éxito de asistencia e participación o programa «Camiños de coñecemento e experiencia», unha iniciativa do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que achegou formación gratuíta ás persoas maiores de 50 anos.

O programa, enmarcado no IV Ciclo da USC e orientado á democratización do coñecemento, desenvolveuse entre o 30 de setembro e o 13 de outubro na Biblioteca Pública de Xermade, cun total de seis sesións impartidas por profesorado universitario e colaboradores da iniciativa.

A programación abordou cuestións relacionadas coa biodiversidade e a paisaxe agroforestal, as competencias dixitais e a literatura galega. As actividades permitiron aos participantes ampliar coñecementos en diferentes ámbitos e compartir experiencias nun espazo de aprendizaxe e reflexión colectiva.

As sesións sobre «Biodiversidade e paisaxe agroforestal», impartidas polo profesor da Escola Superior Politécnica de Lugo Emilio Carral Vilariño, centráronse no valor ecolóxico e paisaxístico do medio rural galego e na súa relación coa conservación da biodiversidade.

Pola súa banda, o obradoiro práctico «O uso do móbil, sácallе partido», dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Álvaro Dosil Rosende, estivo orientado a mellorar as competencias dixitais das persoas participantes e a aproveitar as posibilidades dos teléfonos móbiles na vida cotiá.

O programa completouse coa actividade «Achegamento á figura de Rosalía de Castro. Lectura compartida», conducida pola escritora e profesora colaboradora da USC Anxela Gracián, que propuxo unha aproximación á obra e ao legado da autora galega a través da lectura e da reflexión colectiva.

O éxito de asistencia e a boa acollida das distintas propostas permitiron pechar esta edición cun balance positivo, reforzando o obxectivo de achegar a formación universitaria ás persoas maiores e ao ámbito rural.

A iniciativa contou coa colaboración de varios concellos da provincia e da Xunta de Galicia e forma parte da aposta da Universidade de Santiago de Compostela por favorecer o acceso ao coñecemento ao longo da vida.

0.13151383399963