Éxito rotundo da VIII edición da xuntanza Biciclistas Galegos Lugo
Estes días celebrouse a VIII Xuntanza BTT Biciclistas Galegos Lugo, actividade organizada pola da Asociación cicloturista do mesmo nome co apoio do Concello e Deputación de Lugo. Un nutrido grupo de seguidores da bicicleta de montaña chegados de distintos puntos de Galicia, realizaron un recorrido deseñado por membros da asociación e que contou cunha distancia total de 33 km. Tralo roteiro, os participantes desfrutaron dun xantar nun restaurante da zona. Esta iniciativa, que se organiza por oitavo ano consecutivo, supera xa os 600 participantes e constitúe unha das máis exitosas que convoca Biciclistas Galegos (BBGG). Basta dicir que este ano cubríronse as prazas dispoñibles cinco horas despois de abrir o prazo de inscrición.
A actividade forma parte da programación prevista por BBGG para o ano 2019 e que abarcará outros escenarios dentro da Terra Chá e zonas limítrofes. O obxectivo destas actividades “biciclistas” é desfrutar da bicicleta de montaña dun xeito non competitivo, reforzando o compañeirismo e a cooperatividade e poñendo en valor as riquezas paisaxísticas e gastronómicas da zona onde se desenvolven. Deste xeito este tipo de xuntanzas nas que participan ciclistas de distintos Concellos e Provincias, favorecen as actividades turísticas dos lugares onde se levan a cabo. Para este ano están previstas 17 actividades en concellos como Lugo, Vilalba, Begonte, Xermade, Abadín, Muimenta, A Capela e Santiago nas que se espera superar os 1.000 asistentes.