Extinguido o incendio de Xermade mentres continúa controlado o lume de Padrón

GaliciaXa | TerraChaXa
No incendio xermadés arderon 36 hectáreas e no coruñés 350
chms-incendios
18 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural informou este xoves da evolución dos incendios forestais máis destacados rexistrados nos últimos días en Galicia. Segundo os datos recollidos ata as 14.30 horas, o incendio declarado na parroquia de Roupar, no concello de Xermade, xa foi dado por extinguido, mentres que o lume de Herbón, en Padrón, continúa controlado.

No caso de Xermade, o incendio quedou extinguido ás 13.56 horas deste xoves despois de afectar unha superficie total de 36 hectáreas, das que 25 corresponden a monte raso e 11 a superficie arborada. As lapas iniciáranse o pasado luns ás 14.51 horas e nos labores de extinción participaron de maneira acumulada dous técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, unha pa, cinco helicópteros e sete avións.

Pola súa banda, o incendio rexistrado na parroquia de Herbón, no concello coruñés de Padrón, continúa controlado desde as 20.49 horas de onte. O lume comezou o pasado 12 de xuño e obrigou a activar de forma temporal a Situación 2 como medida preventiva debido á súa proximidade a varios núcleos de poboación.

As últimas estimacións sitúan en 350 hectáreas a superficie afectada. No operativo mobilizáronse ata o momento sete técnicos, 107 axentes, 142 brigadas, 106 motobombas, cinco pas, nove unidades técnicas de apoio, oito helicópteros e sete avións.

Desde a Consellería do Medio Rural lembran á cidadanía que permanece operativo o teléfono gratuíto 085 para comunicar a detección de incendios forestais. Ademais, tamén está dispoñible o número anónimo e gratuíto 900 815 085 para informar de posibles actividades incendiarias. A información actualizada sobre os incendios que superan as 20 hectáreas pode consultarse igualmente a través da conta oficial de Incendios 085 na rede social X.

0.097721815109253