Facer a diferencia

TerraChaXa
Por Lara Real Lema O efecto espectador fai referencia a aqueles casos nos que os individuos que son testemuñas dun crime non ofrecen ningunha forma de axuda a vítimas cando hai outras persoas presentes.
Lara Real
6 Xul 2018

Por Lara Real Lema

efecto espectador fai referencia a aqueles casos nos que os individuos que son testemuñas dun crime non ofrecen ningunha forma de axuda a vítimas cando hai outras persoas presentes. Este fenómeno foi analizado pola psicoloxía social despois de que o 13 de marzo de 1964 unha moza de 19 anos chamada Kitty Genovese fose asasinada diante da súa casa sen que ningún dos seus veciños fixera nada para axudala a pesares de oír os seus berros de socorro. Estudos posteriores indicaron que a maior número de espectadores observando a alguén en perigo, menor é a probabilidade de que alguén se responsabilice e axude á vítima.

¿A que se debe isto? ¿tan insensibles somos ao sufrimento alleo? Non, polo menos non todos. A psicoloxía ofrece diferentes explicacións a esta forma de actuar. Así mentres Milgram afirma que pode ser causado pola sobrecarga de información, que confunde e paraliza ao individuo; Darley e Latané aseguran que este efecto está relacionado coa responsabilidade que poida sentir a persoa fronte á situación de emerxencia. Mentres máis xente observa, a responsabilidade individual diminúe pois a persoa cre que algunha outra persoa intervirá. Estes graos de responsabilidade están determinados pola percepción que o espectador ten da vítima: xuízos morais (se a vítima merece ou non a axuda), a competencia persoal (se non sei nada de primeiros auxilios, ¿como vou axudar?) e á relación do espectador coa vítima (é máis probable que axude de inmediato se a vítima é coñecida).

Aínda que non o pareza, o efecto espectador non afecta só as vítimas de roubos ou emerxencias médicas, tamén é posible vivilo en situacións do día a día. Cando alguén é atacado verbalmente ou acosado nalgún grupo e, a pesar de non estar de acordo ninguén fai ou di nada para defendelo ou cada vez que presenciamos algún feito que consideramos inxusto e non facemos nada, xa sexa por medo ou por calquera outra causa, estamos a caer no efecto espectador. É sinxelo dicir que non permitiremos que iso ocorra, pero cando nos enfrontamos á situación é moi probable que non reaccionemos como desexaríamos.

¿É posible sobrepoñerse ao efecto espectador? Si. O cambio é posible pero é preciso facer cambios a nivel persoal. Debemos estar atentos ao que ocorre ao noso arredor e identificar claramente aquelas situacións irregulares. Teremos tamén que traballar a nosa empatía e entender que todos somos dignos de axuda e que esa persoa en problemas poderíamos ser nos mesmos noutro momento, iso seguro que nos anima a facer algo. A parte máis complicada é sobrepoñerse ao medo e a confusión que de seguro nos vai paralizar. Quizais nos sexa mais doado se pensamos que non sempre é preciso dala cara e arriscarnos a sufrir danos colaterais, podemos axudar dun xeito indirecto facendo que esa situación, aos nosos ollos inxusta, chegue aos que teñen a capacidade de arranxalo, pero non debemos esperar a que o faga outro.

O único que fai falta para cambiar a situación é que unha persoa faga a diferenza.

0.097249031066895