Fademur celebra en Vilalba unha xornada sobre emprendemento rural

Fademur Galicia celebra este sábado a xornada Apoderadas: o rural tamén é noso. Unha cita para visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento socioeconómico do rural galego que reunirá arredor de 300 mulleres en Vilalba.
O emprendemento rural é feminino. A cifra de emprendementos impulsados por mulleres no medio rural multiplica casi por 3,1 a de proxectos con homes á fronte. Ademais, se ben a actividade emprendedora total é maior nas contornas urbanas, a porcentaxe de mulleres que optan por esta vía é superior no rural. Uns datos que demostran a importancia do papel que elas desenvolven no tecido socioeconómico do rural galego.
O Hotel spa Attica21 acollerá ao longo da mañá unha xornada que Fademur Galicia organiza coa colaboración do Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo. A deputada da Área de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; e a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, intervirán nun acto de apertura ao que seguirá unha mesa redonda sobre experiencias emprendedoras.
Eva López, coordinadora do Proxecto Woman Emprende da USC e do programa Innovatia 8.3 do Instituto da Muller; Elena Fontán, oceanógrafa fundadora de Orixe Salgada; e Lidia Gómez, gandeira e emprendedora en hostelería; serán as encargadas de debullar experiencias e puntos de vista sobre o papel e os retos que as mulleres enfrontan á hora de impulsar as súas ideas de negocio.
O mesmo fará Maica López, fundadora de Licores Os Maios, que impartirá unha conferencia á que seguirá un coloquio no que todas a asistentes terán ocasión de tomar a palabra ata a clausura da xornada, da que se encargará a secretaria xeral e directora de proxectos de Fademur Galicia, Rosa Arcos.
A xornada completarase con obradoiros de emprendemento e actividades complementarias en grupo nas que as participantes terán ocasión de afondar nos coñecementos adquiridos ao longo da mañá.
A xornada desenvolverase de 10:30 a 14:30h no Hotel Spa Attica21.