Fálalle galego

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
12 Nov 2021

Por Moncho Paz

Cando se cumpren trinta e oito anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia, o último estudo da Real Academia Galega constata unha realidade denunciada nos últimos tempos dende diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores e, en particular, sobre aqueles que se incorporan á escola falando en galego e o abandonan progresivamente a medida que avanzan de etapa. Dende 1983, cando entrou en vigor a devandita norma, tivemos tempo dabondo para avanzar no uso progresivo da lingua nos distintos eidos, en sintonía co espírito do texto legal e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva; pero lamentablemente non é así.

Pertenzo á primeira xeración de rapaces que recibimos con ledicia a chegada do galego ao ensino, un feito que nos fixo tomar conciencia de que a súa aprendizaxe é un dereito e un deber para calquera cidadán, e así debería entenderse tamén por parte dos poderes públicos e o conxunto das forzas políticas. Con esta idea, cómpre definir accións dinámicas que fomenten o seu uso nos diferentes sectores (educación, xustiza, sanidade, economía...), de tal xeito que estea máis presente nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras da vida cotián.

Moitas persoas da miña xeración adoptamos un forte compromiso coa lingua; pero trinta e oito anos despois decatámonos de que aínda estamos moi lonxe de acadar a meta. Hai que aprobar materias pendentes, entre elas o comportamento dos medios de comunicación respecto ao noso idioma, pois o castelán segue a ser predominante na televisión, na radio e na prensa escrita, pero tamén nas redes sociais.

Non se trata só de publicar portadas en galego coincidindo con datas sinaladas, coma o Día Nacional de Galicia ou o das Letras Galegas. Iso é un folclorismo. Así o reclamamos no seu día dende a Asociación de Medios en Galego, creada en 2013 a raíz da campaña mediática “Vitaminas para o galego”, e lamentamos a discriminación da Xunta de Galicia sobre os medios escritos na nosa lingua en relación aos que o fan en castelán. A súa existencia é decisiva para a pervivencia da propia cultura, da información en clave de país e tamén para a creación de novos postos de traballo para os profesionais da información da nosa terra. De feito, a Administración autonómica está obrigada a potenciar a extensión e o uso do galego non só por mandato legal, senón tamén por ser a lingua propia do país que goberna e ser, coas outras administracións, un referente de prestixio.

Na actualidade o castelán está a subir chanzos na escada lingüística, segundo os datos recopilados pola Real Academia Galega e polo Consello da Cultura. Chama poderosamente a atención o feito de que nos últimos anos disminuíse o número de galegofalantes nas grandes vilas e cidades, sobre todo entre as novas xeracións. Isto débese, en boa medida, ás modificacións lexislativas postas en marcha polos sucesivos gobernos de Núñez Feijóo, en especial o decreto do plurilingüismo, que entrou en colisión co natural desenvolvemento da lei de normalización lingüística e o fomento do uso progresivo do galego, rachando co consenso político acadado no seu día entre todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia. Deberíamos recuperar aquel slogan de finais da década dos oitenta, que deu nome a unha das primeiras e celebradas campañas de sensibilización: Fálalle galego.

Mención á parte merece o labor desenvolvido por organizacións en defensa do noso idioma coma a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística ou a Mesa pola Normalización Lingüística, que non só protagonizan importantísimas iniciativas entre o funcionariado, senón que dinamizan o proceso normalizador ao formularen e propoñeren diferentes alternativas para avanzar no mesmo.

Porén, trinta e oito anos despois leo as noticias nos papeis e, en liñas xerais, soamente vexo declaracións de intencións cheas de palabras baleiras de contido. Non hai un plantexamento rigoroso. O dano feito con aquel decreto incluso foi recoñecido indirectamente polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cando se referiu en varias ocasións a necesidade dun “plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade”. A pregunta do millón é: Estamos aínda a tempo de salvar ao noso idioma? A responsabilidade de esixirllo á Xunta é de todos, chegou o intre de rematar coas políticas erráticas e actuar con decisión e firmeza para reivindicar a riqueza do patrimonio lingüístico, evitando a desintegración da nosa identidade coma pobo. É o momento de erguer esta bandeira sen complexos e de fomentar o discurso galeguista cara ao conxunto da sociedade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19108605384827