Falece o coñecido sacerdote do Castro, en Begonte, Luis López Castelo

TerraChaXa
Visitante habitual da parroquia, pertencía á congregación dos somascos, que foi fundada na primeira metade do século XVI
flores-falecemento-funeral
26 Out 2024

O pasado luns faleceu en Caldas de Reis o relixioso Luis López Castelo, aos 76 anos e natural da parroquia do Castro, en Begonte, lugar ao que sempre estivo ligado, xa que aínda que desenvolveu o seu labor pastoral en diferentes destinos en Galicia, sempre mantivo o vínculo coa súa terra natal.

López Castelo asistía habitualmente aos enterros de veciños do Castro cos que mantiña relación. Ademais, en agosto pasado oficiou unha misa na parroquia, substituíndo ao cura titular. O relixioso nacera na coñecida Casa de Castelo, e aínda viven dúas das súas tres irmás: unha delas reside no País Vasco, e a outra, na parroquia begontina de Donalbai.

A congregación dos somascos, á que pertencía López Castelo, foi fundada na primeira metade do século XVI polo italiano san Xerome Emiliani e, a pesar de ser menos coñecida ca outras, ten unha longa traxectoria. A súa dedicación á educación é un dos seus piares fundamentais, como tamén queda reflectido en Galicia. A orde estableceu un colexio na Guarda, aínda en funcionamento pero agora baixo a xestión dunha fundación, sendo esta a primeira sede dos somascos en Galicia, á que logo seguiu a de Caldas de Reis. Precisamente na Guarda e en Caldas de Reis, onde chegou a ser superior da congregación, desenvolveu gran parte da súa traxectoria Luis López Castelo.

En Caldas de Reis instalouse tamén o seminario da congregación, trasladado posteriormente a Santiago de Compostela, onde segue activo, así como un colexio que aínda continúa en funcionamento. López Castelo formouse nos centros da orde e non acudiu ao Seminario de Mondoñedo, destino habitual para os mozos do norte de Galicia que aspiraban a ser sacerdotes.

O funeral celebrouse na igrexa parroquial do Castro e foi enterrado neste cemiterio.

0.19312810897827