Falsos mitos alimentarios
Por Marta P. Fandiño
A alimentación é un dos temas de conversa mais empregado no día a día; dende charlas na beirarrúa sobre gustos alimentarios ou o menú do xantar dese día, ata efusivas rifas en reunións familiares sobre un determinado produto, como comelo ou as vantaxes que o mesmo proporciona ó organismo. Pese a ser un tema interesante, a meirande parte da información empregada carece de estudos que a confirmen ou a abalen, permitindo unicamente facer bulo de mitos e falsas crenzas, que aínda que adoitan parecer inofensivas poden chegar a producir un gran dano a nivel particular ou social. Aínda que son incontables os bulos propagados, as seguintes liñas desmenten algúns dos máis populares:
‘Comer froita de noite é malo’
Como ven é sabido, resulta beneficioso para á saúde que as froitas e as verduras compoñan a base da alimentación diaria, independentemente do momento do día no que se consuman. Ademais, as dietas ricas nestes produtos e pobres en alimentos envasados, son as que permiten controlar mellor o peso corporal, outra das preocupacións da poboación. O consello é consumir un mínimo de tres pezas diarias e, aínda que se pode comer de todos os tipos (plátano incluído), débense variar para ampliar o aporte de nutrientes.
‘Beber auga nas comidas, produce exceso de peso’
A auga é una sustancia que carece de calorías e polo tanto non inflúe no peso corporal, independentemente de que se consuma con ou sen alimentos. A inxestión de auga na idade adulta, debe manter relación coa sensación de sede, non resultando beneficioso obrigarse a inxerir máis cantidade da conta ou privarse dela cando o corpo a solicita.
‘Hai que facer 5 comidas ó día’
Os horarios, o apetito ou as dificultades do día a día son as que teñen que determinar o número de comidas diarias que se deben facer. Pódese ter unha dieta equilibrada e saudable facendo 3, 4, 5 ou 6 comidas diarias, sempre e cando os alimentos escollidos e as cantidades sexan as adecuadas.
Nalgún casos, optar por comer unha froita antes da comida e/ou cea, pode resultar beneficioso se a fame aprema, posto que pode axudar a comer máis lento reducindo a inxestión final de calorías.
‘O azucre moreno é mellor que o branco’
Pese a ter unha porcentaxe algo maior de impurezas, o azucre moreno é o mesmo que o branco, polo que o seu efecto sobre a saúde é igual. En torno ós azucres existen varios mitos e crenzas falsas que fan que esta sustancia permaneza nas dietas cun ou outro nome. Pode ser chamado xarope de agave, mel, melaza, panela, azucre moreno, azucre de cana, e un longo etcétera, pero todos ocasionan subidas repentinas de azucre na sangue, traducíndose en maior probabilidade de padecer diabetes ou obesidade. Estes feitos converten ós produtos anteriores en pouco, ou mellor dito en nada saudables.
Para baixar de peso, hai que seguir unha dieta baixa en graxas
Son moitas as dietas baseadas na eliminación de graxas para producir así unha baixada de peso, sen embargo, estas non carecen de sentido.
Aínda que está demostrado que a redución ou eliminación de graxas saturadas e trans, pode mellorar a saúde e normalizar o peso, a inxestión doutro tipos de graxas, poden ser igualmente beneficiosa para ó organismo. Neste grupo atópanse o aceite de oliva virxe extra, o aguacate, os froitos secos ou o peixe azul.
En resumo, toda a información escoitada en torno ós alimentos debe ser analizada e corroborada con estudos científicos. Ningún alimento é indispensable nin contén poderes máxicos, polo que relacionar propiedades preventivas ou curandeiras a un único produto, carece de sentido.
Para que unha alimentación sexa correcta e permita unha prevención de enfermidades ou unha mellora da calidade de vida a longo prazo, o mellor é optar por produtos frescos e de tempada, evitando envasados ricos en azucre, graxas saturadas e sal. Non escatimar con froitas y verduras, incluír fontes de hidratos de carbono coma pasta, pan ou arroz integrais e normalizar o consumo de alimentos ricos en graxas saudables, son as mellores opcións para comezar.