Fame real ou emocional?
Por Marta P. Fandiño
Na meirande parte das ocasións o ser humano non come por fame senón por outros factores como eventos sociais, rutinas, horarios ou estados de ánimo, dentro destes últimos os que máis se relacionan coa comida son a tristeza, a ansiedade, o cansazo e o aburrimento, aínda que tamén pode relacionarse coa felicidade (“hoxe foi un bo día, imos mercar doces para celebralo”). Polo tanto, non sempre a gana de comer pode relacionarse cunha sensación de fame real, o que fai que as calorías diarias inxeridas supere as necesidades de cada quen, producíndose un aumento no peso corporal así como unha mala relación coa comida.
Aínda que parece fácil recoñecer este tipo de fame relacionada coas emocións, ou emocional, non resulta tan sinxelo, posto que pode aparecer en varios momentos do día incluídos a hora da comida ou da cea, facendo que se prolongue ese momento de inxestión ate chegar a un estado de saciedade pleno ou incluso unha sensación de incomodidade ou dixestión pesada.
Habitualmente a fame emocional aparece de forma repentina, non é gradual e non ten por que responder a horarios fixos, especialmente preséntase no momento no que a persoa está na casa que é polo xeral durante a tarde-noite. As ganas do alimento ou alimentos son moi fortes e, a diferencia da fame real, non se pode pospor a inxestión de ditos produtos sen aumentar o nivel de ansiedade.
Cando aparece este tipo de fame téndese a buscar alimentos con alto contido enerxético, sexan saudables ou non: chocolate, galletas, embutidos, froitos secos, queixo, pan... A rutina adoita ser comer uns tras outros e de forma rápida, sen mastigar ben e sen saborear os alimentos en cuestión. Ás veces dita inxestión realizase de forma inconsciente, e non é ata parar de comer, cando o individuo decátase do volume consumido.
Esta ansiedade pola comida, preocupa a moitos e fai crear unha sensación de inseguridade persoal e crenza de imposibilidade para levar a cabo unha vida ou dieta saudable. Sen embargo, non toda a alimentación basease nos momentos do picoteo e aínda que hai que traballalos, comezar facendo cambios noutros momentos do día, resultaría igualmente adoitado.
Para controlar ou evitar os momentos de “fame” por ansiedade, existen algúns trucos.
Non chegar con fame: A sensación de fame real pode desencadear nunha inxestión abusiva de alimentos, debido a rápida velocidade adquirida no momento da comida que fai que se tarde uns bocados máis dos precisos en estar saciados. Unha opción para evitar chegar tan famentos é consumir algo antes, por exemplo optar por comer unha froita á saída do traballo ou de camiño á casa. Outra opción, se é posible, é facer unha merenda ou media mañá sempre que o corpo xa comece a ter fame a esas horas do día.
Non existen alimentos apropiados para ese tipo de fame posto que ó non ser fame real toda kcal inxerida contabilizará como extra. Así pois, cambiar os alimentos calóricos por alimentos máis saudables e con menos aporte enerxético, como froitas, iogures, xelatinas... pode ser unha alternativa a corto prazo pero a longo prazo debe optarse por eliminar calquera tipo de inxestión.
Buscar actividades alternativas que precisen unha concentración elevada é a mellor forma de esquecer ese momento de ansiedade relacionado coa comida. No primeiro momento no que apareza este tipo de fame, hai que buscar entreter o cerebro con outra acción. As que mellor funcionan son aquelas máis minuciosas como coser, pintar, facer traballos manuais ou ler unha novela, aínda que tamén son boas opcións saír a camiñar, tomar unha ducha, xogar có móbil ou calquera outra actividade que permita relaxarse e desconectar.
Se non funciona ningunha destas alternativas, é aconsellable acudir a un especialista en psicoloxía para que traballe directamente a ansiedade. Un nutricionista pode ser tamén de gran axuda para regularizar a inxestión de calorías e nutrientes ó longo do día e así evitar desencadear este tipo de fame.