Festas de As Pontes: A Banda Cultural e Recreativa e o Certame de Bandas

Como en anos anteriores, o programa das festas do Carme contará cunha antesala de luxo, unha serie de concertos vespertinos nos que se dan a coñecer as distintas agrupacións locais que enchen de cultura a localidade das Pontes.
Este ano non podía ser diferente e entre o luns 13 e o xoves 16 será o tempo de coñecer a cada un deles. Actuarán cada un un día, ás 20.30 horas na praza de América. Todas as actuacións trasladaranse ao auditorio Cine Alovi se non acompañan as condicións climáticas nos seráns de xullo.
Todos os grupos que participan contan cunha ampla traxectoria na vida cultural das Pontes e suman varios centos de membros, afeccionados á música nas súas distintas vertentes, acordeóns, rondalla, baile e pandeiretas.
Ademais deles e como antesala, o sábado 11 a Banda de Música das Pontes abrirá a programación no certame de bandas que se celebra no mesmo lugar a partir das 19.30, cun pasarrúas previo de todos os participantes. Esta mesma volverá actuar, como todos os anos, acompañando á procesión da Virxe do Carme o domingo.
Trátase da XXIX edición deste Certame de Bandas de Música das Pontes, no que participarán a Banda de Música de Charamela (Pontedeume), a Lira de San Miguel de Oia e a Banda Cultural e Recreativa das Pontes, anfitrioa do evento.
Banda Cultural e Recreativa
A Banda Cultural e Recreativa das Pontes continúa sendo unha das entidades musicais máis representativas do municipio. A agrupación afronta un novo verán cunha plantilla en crecemento e coa satisfacción de comprobar que cada ano se incorporan novos músicos ao proxecto.
A presidenta da entidade, Andrea Fornos, destaca que durante o presente curso se mantivo un nivel de actividade semellante ao de anos anteriores en canto a concertos e actuacións, aínda que subliña un dato especialmente positivo: o aumento progresivo do número de compoñentes. Esta incorporación de novos músicos reforza unha formación que actualmente reúne a 55 integrantes, todos eles formados ou vinculados á Escola de Música da propia banda.
A participación nas Festas do Carme volverá ser un dos momentos máis importantes do ano para a agrupación. O programa arrancará o 11 de xullo coa celebración do XXIX Certame de Bandas de Música, unha cita xa consolidada que reunirá nas Pontes á Banda da Escola de Música Charamela de Pontedeume, á Banda de Música Lira de San Miguel de Oia e á propia Banda Cultural e Recreativa das Pontes.
A actividade continuará durante a fin de semana grande das festas. O sábado 18 de xullo ofrecerán un concerto de carácter máis informal, cun repertorio pensado para ambientar unha sesión vermú, ademais de participar na procesión nocturna. Ao día seguinte, a banda acompañará tamén a tradicional procesión que se celebra ao mediodía.
A historia da agrupación remóntase ao ano 1987, cando foi creada por iniciativa do entón alcalde Jaime Vilaboy Ramil e grazas ao impulso dun grupo de músicos das Pontes. Desde entón, a banda contou con directores de prestixio e converteuse nun dos principais referentes culturais.
Un dos aspectos que mellor define á formación é a convivencia entre xeracións. A pesar de contar cun importante número de mozos e mozas, a banda mantén tamén músicos con máis de vinte anos de experiencia que exercen como guía para as novas incorporacións. Segundo explica Andrea Fornos, esta combinación favorece un ambiente moi positivo e unha relación especialmente enriquecedora entre os membros máis novos e os máis veteranos.
Esa mestura de experiencia, renovación e compromiso coa música continúa sendo a principal fortaleza dunha banda que, case corenta anos despois da súa fundación, segue desempeñando un papel fundamental na vida cultural das Pontes.