Festas de As Pontes: A música do Carme

TerraChaXa
Tras varias actuacións previas e o concerto de Mikel Erentxun, As Pontes contará cun amplo programa musical
orquestra-panorama
18 Jul 2026

Ademais da actuación estelar de Mikel Erentxun, que tivo lugar este venres, as festas contarán con outras grandes citas coa música en diferentes formatos.

Xa antes do inicio oficial das festas comezaron as actuacións, iniciando o ciclo o sábado 11 co Certame de Bandas, pero o primeiro concerto oficial das festas foi o que fixo Xacarandaina o domingo 12, ás 20.30 horas no auditorio Cine Alovi.

Hoxe, sábado 18, xa coas festas en marcha e tras catro días de actuacións nas Noites do Carme, a Banda de Música das Pontes ofrecerá unha actuación ás 12.00 tamén na praza América.

Trátase dunha destacada agrupación musical fundada en 1985 que conta con arredor de 40 músicos activos e destaca pola súa vibrante canteira. Este mesmo grupo acompañará á procesión da Virxe o día 19.

O luns 20, ás 20.00 horas, terá lugar o Festival Internacional de Folclore, con actuacións no Pavillón Polideportivo Municipal de grupos procedentes de Narón, Alacante, México, Chile e Begrado. Xa antes do festival, os grupos tamén farán un pasacalles.

PASACALLES

A sesión dos pasarrúas, arrincará o sábado 18 ás 11.30 horas cos grupos Axóuxere e Feroces da Galgueira, que percorreran as rúas da vila coa súa música tradicional.

O luns 20, á mesma hora, haberá unha sesión, pola mañá cos grupos Os Trevillas e Canavella. No Cómbaro será o último en tocar, o venres 24 ás 12.00 horas pero xa na Fraga.

VERBENAS

O venres tivo lugar a primeira verbena das festas, a cargo da orquestra Panorama e este sábado  haberá dobrete, xa que actuarán outras dúas grandes da música, La Misión e Los Players, estes últimos cun percorrido musical que arrancou en 1960. Os primeiros, fundados no ano 2012 en Madrid, destacan polo seu impresionante despregue técnico, de cinco tráileres e un autobús, e un repertorio variado.

O domingo tamén haberá verbena, tamén con dobrete pero nesta ocasión estará a cargo de París de Noia e Os Satélites, estes últimos percorrendo escenarios desde 1938. No primeiro caso se trata dunha formación de prestixio que, aínda que arrancou en 1957, deu un salto cualitativo a partir de 1981 para facerse famosa pola súa enerxía e a súa posta en escena.

O luns, unha vez finalizado o Festival internacional de Folclore, haberá unha nova verbena, neste caso con outras dúas formacións de gran tradición e que sa estiveron nas Pontes noutras ocasións, Origen e Olympus, as que deleitará á veciñanza cun espectáculo cheo de luminotecnia e coreografías impactantes.

Para rematar as festas do Carme, o martes 21 actuará La Oca Band co seu espectáculo A historia da verbena, facendo un parón nas sesións nocturnas ata a Romería da Fraga. Esta última formación é famosa polos seus shows temáticos nestes 35 anos que leva animando festas e celebracións. Unha das súas peculiaridades é apostar firmemente pola música galega.

Ademais, das verbenas, tamén haberá varias sesións vermú coincidindo coa fin de semana. O sábado 18 estreará este apartado o grupo La Mecánica, que ofrecen un show próximo, alegre e dinámico, adaptado a todo tipo de festas, deixando o oco do domingo para grupo Antha. Se trata dunha formación orixinaria de Narón que son coñecidos polo seu repertorio adaptado a todo tipo de públicos.

O grupo Pasión será o último en facer sesión vermú, concretamente o luns día 20.

Todas estas actuacións terán lugar na praza do Carme, ás 14.00 horas na sesión de mediodía e na nocturna cun horario diferente dependendo do día.

OS GRUPOS LOCAIS

AXÓUXERE. Naceu en 1995 en Roupar, na parroquia do mesmo nome, no Concello de Xermade. No grupo teñen harmonías para gaitas, frauta traveseira, saxofóns, pandeireta, tamborís e bombo. O seu obxectivo é amenizar as festas, ou facelas alí por onde pasan, pero principalmente, facer equipo e pasalo ben.

NO CÓMBARO. Este grupo de música galega formouse no ano 2003, empezando a súa traxectoria como cuarteto tradicional con dúas gaitas, tambor e bombo. Co transcurso dos anos fóronse incorporando outros instrumentos como son a zanfona, a frauta traveseira, o clarinete, acordeón e voz ata completar a formación actual composta por oito membros. Os inicios das súas actuacións foron coas alboradas e os pasacalles, recorrendo as comarcas do Eume, Terra Chá e Ferrolterra.

Participaron tamén en festivais na localidade e arredores. Con este pequeno proxecto, ademais de desfrutar tentan divulgar, dignificar e manter viva a esencia da música tradicional, dándolle un xeito propio con pezas da súa propia creación pero tamén mantendo e conservando o repertorio dos antigos gaiteiros.

CANAVELLA. Este grupo creouse con membros da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes arredor dos anos 2009, e nos seus comezos estaba formado por 3 gaitas, 2 tamborís e 1 bombo. Actualmente está composto por 3 gaitas, 1 tamboril e 1 bombo pero o seu repertorio está formado por todo tipo de pezas tradicionais como son os pasodobres, as muiñeiras, as rumbas ou as xotas.

FEROCES DE GALGUEIRA. Este é outra das formacións locais que amenizará as festas. Son unha agrupación de música tradicional das Pontes con moito ritmo formado por sete rapaces, Marcos Freire, Carolina Leal e Sara López coas gaitas, Antonio Tuimil co acordeón, Ana Vilaboy coa pandeireta, Luis Pita e Miguel Ferreiro co bombo e platillo. Este grupo comezou a súa andaina en maio do 2009 cando tocaron por primeira vez no Cine Alovi doce pezas moi elaboradas e matizadas. O seu nome provén da Galgueira, unha parte do monte que da cara As Pontes.

OS TREVILLAS. Este grupo formado por uns amigos das Pontes, aos que lles gustaba a música, comezaron a aprender a tocar a frauta alá polo ano 1993 no baixo dunha carpintería, da man do músico autodidacta Manuel Seijo. Logo ensinoulles a tocala gaita, e co paso do tempo decidíronse a formar un grupo, que naceu no ano 1995.

O seu primeiro disco presentouse o 22 de outubro do 2005 no Cine Alovi das Pontes, e chamouse Dalle Dalle, está feito de pezas tradicionais galegas, e tamén inclúen nel unha canción que lles ensinou o sacristán das Neves.

PROGRAMA COMPLETO

programa-actuciones-musicais-carme
0.12932801246643