Festas de As Pontes: Actuación da Escola de Acordeóns

O programa das festas do Carme conta cunha antesala de luxo, unha serie de concertos vespertinos nos que se dan a coñecer as distintas agrupacións locais que enchen de cultura a localidade das Pontes.
Este ano non podía ser diferente e entre o luns 13 e o xoves 16 será o tempo de coñecer a cada un deles. Actuarán cada un un día, ás 20.30 horas na praza de América. Todas as actuacións trasladaranse ao auditorio Cine Alovi se non acompañan as condicións climáticas nos seráns de xullo. Hoxe, mércores, actuará a Escola de Acordeóns.
Todos os grupos que participan contan cunha ampla traxectoria na vida cultural das Pontes e suman varios centos de membros, afeccionados á música nas súas distintas vertentes, acordeóns, rondalla, baile e pandeiretas.
Escola de Acordeóns
A Escola Municipal de Acordeón das Pontes pecha o curso 2025-2026 cun balance moi positivo e cun dos mellores rexistros de participación desde a súa creación. O seu profesor, Jorge Vázquez, destaca que a escola vive un dos momentos máis doces da súa historia, cun grupo cada vez máis consolidado e un alumnado que non deixa de medrar.
Creada no ano 2008 para dar resposta á demanda existente arredor deste instrumento, a escola cumpre este ano dezaoito anos de traxectoria. O que comezou cun grupo duns dezaoito alumnos converteuse nun proxecto que supera xa os corenta participantes, con idades que van desde os 12 anos ata persoas que superan os 80.
Segundo explica o responsable da formación, unha das claves do éxito está no ambiente que se respira dentro do grupo. “Moitos tómano como unha forma de socializar e pasalo ben”, sinala. A pesar da diferenza xeracional entre os integrantes, destaca que existe unha gran harmonía e unha excelente relación entre todos eles.
Para as festas deste ano, a Escola de Acordeón presentará un repertorio formado por unha decena de pezas no que non faltarán valses, xotas, rumbas e pasodobres galegos. Tamén haberá espazo para habaneiras e incluso algunha canción mexicana, nas que os músicos amosarán tamén as súas capacidades vocais.
Na actualidade, o grupo de actuación está formado por arredor de trinta acordeonistas e dous percusionistas, aínda que a escola conta con máis de corenta alumnos que reciben formación semanal. Ao longo destes anos participaron en numerosos festivais, concertos e actividades culturais tanto nas Pontes como noutras localidades galegas.
A agrupación mantense xa activa de cara aos próximos meses. Aínda que o principal obxectivo inmediato son as actuacións das Festas do Carme, o calendario continuará no outono cun concerto previsto en Burela. Ademais, a escola foi a encargada de organizar unha nova edición do Festival Vila das Pontes, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do municipio.
A boa sintonía entre os seus integrantes, a paixón pola música e o carácter aberto e participativo do grupo son, segundo o seu profesor, os elementos que mellor definen unha escola que continúa medrando ano tras ano e que se ten convertido nun referente musical dentro da vida cultural pontesa.