Festas de As Pontes: Actuación da Escola de Pandeiretas

TerraChaXa
Reúne actualmente arredor de cincuenta persoas de diferentes idades arredor da pandeireta e do canto tradicional galego
escola-de-pandeiretas-as-pontes
13 Jul 2026

O programa das festas do Carme conta cunha antesala de luxo, unha serie de concertos vespertinos nos que se dan a coñecer as distintas agrupacións locais que enchen de cultura a localidade das Pontes.

Este ano non podía ser diferente e entre o luns 13 e o xoves 16 será o tempo de coñecer a cada un deles. Actuarán cada un un día, ás 20.30 horas na praza de América. Todas as actuacións trasladaranse ao auditorio Cine Alovi se non acompañan as condicións climáticas nos seráns de xullo. Hoxe, luns, actuará a Escola de Pandeiretas.

Todos os grupos que participan contan cunha ampla traxectoria na vida cultural das Pontes e suman varios centos de membros, afeccionados á música nas súas distintas vertentes, acordeóns, rondalla, baile e pandeiretas.

Escola de Pandeiretas

A Escola Municipal de Pandeireta continúa a ser un dos referentes da música tradicional e da participación cultural no municipio. Cunha traxectoria que se estende desde hai décadas, a iniciativa reúne actualmente arredor de cincuenta persoas de diferentes idades arredor da pandeireta e do canto tradicional galego.

A monitora da escola, Belén Mato Corral, leva preto de vinte anos vinculada ao proxecto, aínda que explica que a escola xa existía antes da súa chegada. Ao longo deste tempo, a actividade evolucionou cara a unha proposta máis ampla que combina música tradicional, cantos de taberna e repertorio popular e coral.

“Empezamos a facer un tipo de concertos que non era exclusivamente de pandeiretas, senón unha agrupación creada por nós mesmos”, explica. Nas actuacións participan tamén os gaiteiros das escolas municipais, configurando espectáculos nos que poden chegar a tocar ao mesmo tempo decenas de pandeiretas xunto a outros instrumentos tradicionais.

Segundo Mato, a principal característica do grupo é precisamente esa dimensión colectiva. “O noso sinal de identidade é a pandeireta, o feito de tocar todos á vez e cantar todos á vez”.
Os integrantes da escola distribúense en catro grupos de formación semanal e reúnense periodicamente para preparar as actuacións. O repertorio adoita incluír muiñeiras, xotas, cantos tradicionais e pezas populares, ofrecendo concertos variados que se adaptan a diferentes públicos.

A actividade da escola vai máis alá do ámbito musical. Ao longo do ano participa en numerosas iniciativas de carácter social en escolas infantís, centros de día, residencias de maiores e eventos organizados polo Concello. “É unha función social tanto para onde imos como para a xente que vén”, destaca a monitora.

Otro dos aspectos máis valorados é o seu carácter interxeracional. Entre os participantes hai desde mozas de pouco máis de doce anos ata persoas de oitenta. “Somos un grupo moi interxeracional”, afirma Mato, convencida de que a convivencia entre xeracións é un dos grandes valores do proxecto.

De cara ao futuro, os obxectivos son sinxelos. “Continuar, que non é pouco”. Sen aspiracións de converterse nun grupo profesional, a Escola Municipal de Pandeireta mantén a súa esencia: aprender, compartir e gozar da música tradicional galega, contribuíndo á conservación dun patrimonio cultural que segue moi vivo grazas ao compromiso dos seus participantes.

PROGRAMA COMPLETO

0.13301992416382