Festas de As Pontes: Actuación da Escola Municipal de Danza

TerraChaXa
Converteuse ao longo dos anos nun referente cultural e artístico da vila, medrando baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz
escola-municipal-de-danza-de-as-pontes
16 Jul 2026

O programa das festas do Carme conta cunha antesala de luxo, unha serie de concertos vespertinos nos que se dan a coñecer as distintas agrupacións locais que enchen de cultura a localidade das Pontes.

Este ano non podía ser diferente e entre o luns 13 e o xoves 16 será o tempo de coñecer a cada un deles. Actuarán cada un un día, ás 20.30 horas na praza de América. Todas as actuacións trasladaranse ao auditorio Cine Alovi se non acompañan as condicións climáticas nos seráns de xullo. Hoxe, xoves, pecha o ciclo a Escola Municipal de Danza.

Todos os grupos que participan contan cunha ampla traxectoria na vida cultural das Pontes e suman varios centos de membros, afeccionados á música nas súas distintas vertentes, acordeóns, rondalla, baile e pandeiretas.

Escola Municipal de Danza

A Escola Municipal de Danza das Pontes converteuse ao longo dos anos nun referente cultural e artístico da vila. Baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, o proxecto foi medrando ata consolidarse como un espazo de formación, creatividade e encontro para centos de nenos, nenas e persoas adultas que cada curso forman parte desta gran familia.

Detrás de cada actuación hai meses de traballo, aprendizaxe e dedicación. A danza é o fío condutor, pero tamén o son valores como o compañeirismo, o respecto, a responsabilidade e a confianza. Por iso, cada espectáculo que presenta a Escola é moito máis que unha mostra de fin de curso: é o resultado dun proceso colectivo no que cada participante aporta o seu talento e esforzo.

O último gran exemplo foi SOÑOS, unha produción creada para emocionar e transportar ao público a través dunha historia contada con movemento, música e imaxinación. A dirección artística correu a cargo de Jaime Pablo Díaz, mentres que a escenografía e o vestiario foron desenvolvidos por Carolina Diguele e Isabel O’Connor, coa iluminación de Anna Díaz. As profesoras Carmen Boo e Mar Perera completaron un equipo que traballou durante meses para facer realidade un espectáculo coidado ata o máis mínimo detalle.

As transicións entre escenas son interpretadas polos propios alumnos e alumnas da Escola Municipal, integrándose activamente na narrativa e demostrando que cada persoa desempeña un papel fundamental dentro do proxecto. Un traballo coral que conta tamén co apoio do Departamento de Cultura do Concello, imprescindible para continuar impulsando a creación artística.

O esforzo e a calidade do traballo realizado tiveron tamén o seu recoñecemento fóra das Pontes. Recentemente, a Escola Municipal de Danza acadou un posto de finalista no concurso Talentiño, celebrado en Ferrol, un logro que pon en valor o talento e a constancia do alumnado e do equipo docente.

A vinculación da Escola coa vida cultural pontesa é profunda. Proba diso foi a participación de Jaime Pablo Díaz como pregoeiro das Festas do Carme o pasado ano, un recoñecemento a traxectoria e á pegada que a danza deixou na sociedade pontesa durante estas dúas décadas.

Coa mesma ilusión dos seus inicios, a Escola Municipal de Danza das Pontes continúa medrando curso tras curso, apostando pola formación, a creación artística e a cultura como ferramenta de encontro. Un proxecto que segue demostrando que os soños, cando se traballan con paixón e compromiso, poden converterse en realidade.

PROGRAMA COMPLETO

0.12885904312134