Festas de As Pontes: Actuación da Rondalla de As Pontes

TerraChaXa
A agrupación, que o próximo ano celebrará o seu 40 aniversario, pecha unha tempada marcada pola intensa actividade musical e pola preparación da súa efeméride
rondalla-de-as-pontes
14 Jul 2026

O programa das festas do Carme conta cunha antesala de luxo, unha serie de concertos vespertinos nos que se dan a coñecer as distintas agrupacións locais que enchen de cultura a localidade das Pontes.

Este ano non podía ser diferente e entre o luns 13 e o xoves 16 será o tempo de coñecer a cada un deles. Actuarán cada un un día, ás 20.30 horas na praza de América. Todas as actuacións trasladaranse ao auditorio Cine Alovi se non acompañan as condicións climáticas nos seráns de xullo. Hoxe, martes, actuará a Rondalla de As Pontes.

Todos os grupos que participan contan cunha ampla traxectoria na vida cultural das Pontes e suman varios centos de membros, afeccionados á música nas súas distintas vertentes, acordeóns, rondalla, baile e pandeiretas.

Rondalla de As Pontes

A Rondalla das Pontes afronta un momento especial da súa traxectoria. A agrupación, que o próximo ano celebrará o seu 40 aniversario, pecha unha tempada marcada pola intensa actividade musical e pola preparación dunha efeméride que queren conmemorar por todo o alto.

O presidente da entidade, Juan Pérez, fai un balance moi positivo do último ano, no que realizaron numerosas actuacións tanto dentro como fóra de Galicia. Entre as experiencias máis destacadas figura a viaxe a Barakaldo, onde ofreceron un concerto na Casa da Cultura e participaron nun encontro no Centro Galego da localidade. “Foi unha experiencia estupenda”, asegura, lembrando a boa acollida que recibiron por parte da colectividade galega residente no País Vasco.

A agrupación conta actualmente con algo máis de corenta integrantes, aínda que nas actuacións adoitan participar entre 35 e 37 persoas. A maioría forman parte do coro de voces mixtas, acompañado por unha sección instrumental que foi evolucionando ao longo dos anos. “Agora aumentou máis o grupo de voces e diminuíu a parte instrumental”, explica Pérez.

Nas festas deste ano presentarán un repertorio variado no que se mesturan canción galega, habaneiras e música sudamericana. O concerto incluirá ademais varias colaboracións especiais, entre elas a do músico Rilo, así como a participación doutros artistas e colectivos culturais das Pontes.

A Rondalla naceu hai 39 anos impulsada por un grupo de pais e nais vinculados á parroquia. O que comezou como unha formación de corda foi medrando ata converterse nunha agrupación consolidada dentro do panorama musical afeccionado galego. Ao longo deste tempo percorreu as catro provincias galegas e participou en numerosos encontros e festivais.

Máis aló da música, os seus integrantes destacan o ambiente de compañeirismo que existe dentro do grupo. “Somos como unha pequena familia”, resume Juan Pérez. Un espírito que lles permitiu manter viva unha iniciativa que segue sendo un referente cultural nas Pontes.

Mentres continúan coa programación deste ano, a vista está xa posta en 2026. A celebración do 40 aniversario marcará unha nova etapa para unha agrupación que continúa traballando para preservar a música popular e compartir a súa paixón co público alá onde actúa.

PROGRAMA COMPLETO

0.14149713516235