Festas de Vilalba: A música local destaca no progama festivo

TerraChaXa
Os grupos tradicionais amenizarán de novo as rúas e prazas durante as fins de semana e festivos
buxos-verdes
31 Aug 2026

Dentro do panorama musical resulta imprescindible contar coa presenza dos grupos de música tradicional da localidade e dos seus arredores para que os veciños da localidade desfruten dunha parte esencial da cultura e tradicións propias da comarca.

As festas de San Ramón e Santa María buscan fomentar o achegamento á cultura galega é estes grupos, que son habituais neste tipo de festividades polo excelente traballo que fan animando as rúas e acompañando os actos máis tradicionais, son indispensables no cumprimento desta tarefa.

O programa musical tradicional arrincou o mércores 26 de agosto, ás 12. 30 horas, cunha misa solemne da man da Coral Luar que volverá a cantar na misa de hoxe, luns 31. Ese mesmo día, a Asociación Cultural Mato Vizoso e a Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco serán as encargadas de amenizar o pasacalles, a partir das 11. 00 horas, e de acompañar a procesión á saída da celebración relixiosa.

O día seguinte, o Día de Santa María, a AC Andrade e Buxos Verdes da Chaira serán os encargados de animar as rúas a partir das 11.00 horas, acompañando tamén a procesión á saída da misa. O oficio relixioso, que terá lugar ás 12.00 horas, estará cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa.

A música tradicional tamén estará presente o sábado 5 de setembro, coa Asociación Cultural Árdelle o Eixo, que protagonizará o pasacalles a partir das 11.00 horas. Deste xeito, a formación vilalbesa volverá achegar a súa música ás rúas da localidade durante unha das xornadas das festas.

Finalmente, o domingo 6 de setembro, no marco da homenaxe á parroquia de Román, a recepción na Casa do Concello, ás 11:45 horas, contará coa presenza do grupo tradicional Cerna de Árbol, que acompañará as autoridades e a parroquia ata a igrexa de Santa María. Ás 12:00 horas terá lugar a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, poñendo o punto final a esta programación vinculada á música e á tradición galegas.

CORAL LUAR

A Asociación Coral Luar é unha agrupación coral polifónica fundada no centro sociocomunitario de Vilalba cuxo traballo radica en fomentar a música coral e participar en eventos culturais da zona. Esta asociación conta con décadas de actividade impulsando a tradición musical e os encontros de corais en Galicia.

CORAL POLIFÓNICA

A Coral Polifónica Vilalbesa é unha histórica agrupación musical de Vilalba, herdeira da profunda tradición coral e dos orfeóns da comarca da Terra Chá. Ao longo de décadas, estivo estreitamente vinculada á dinamización cultural e relixiosa da localidade, participando de maneira activa en diferentes celebracións e eventos emblemáticos, entre os que destaca o clásico Festival de Panxoliñas e Polifonía.

ENTRE LUSCO E FUSCO

Entre Lusco e Fusco é un grupo de baile, canto e música tradicional cuxa orixe se remonta a 1990. Ao longo da súa traxectoria, os membros da asociación participaron en diferentes programas da Televisión de Galicia, realizaron intercambios culturais dentro e fóra da comunidade e estiveron presentes en numerosos eventos, actos e festividades da comarca da Terra Chá. A agrupación tamén mantén unha participación activa na vida cultural de Vilalba e dos seus arredores. Na actualidade conta con arredor de cen socios de diferentes idades, distribuídos nas distintas disciplinas que se imparten. A pesar das diferentes personalidades e formas de pensar dos seus integrantes, todos comparten un mesmo obxectivo: tocar, bailar e cantar, contribuíndo así á promoción e á transmisión da cultura tradicional galega dun xeito ameno e participativo.

MATO VIZOSO

A Banda de Gaitas Mato Vizoso naceu en 1988 no seo da ANPA do colexio que lle dá nome, da man dun grupo formado por seis nenos de entre 8 e 9 anos e o seu profesor, Carlos A. Celeiro Arias Morón. Co paso do tempo, a formación foi medrando e, a partir de 1992, iniciou unha nova etapa con actuacións públicas fóra do ámbito escolar, primeiro nas festas patronais e nas parroquias e, posteriormente, en diferentes localidades de toda a provincia. En 1993 constituíuse como asociación e, desde entón, participou en numerosos encontros, concertos e festivais por toda a Península Ibérica, consolidándose como unha das formacións tradicionais con maior traxectoria da contorna.

A.C. ANDRADE

A Asociación Cultural de Andrade xurdiu arredor dos anos 1999 e 2000 a partir dun grupo de pandereteiras formado por nenas e persoas adultas que comezaron a dar os seus primeiros pasos no canto e na percusión tradicional. Co paso dos anos, a asociación foi ampliando a súa actividade e incorporando novas disciplinas, entre elas o baile tradicional, a gaita, a linguaxe musical e, máis recentemente, a percusión brasileira e os cantos de taberna. Na actualidade conta con máis de cen alumnos de diferentes idades repartidos entre as distintas actividades. Ademais, desenvolve unha proposta baseada na combinación de ritmos galegos e danza coa finalidade de achegar ao público a riqueza da multiculturalidade a través da música e do baile.

MESTURA DE NETE

A Asociación Cultural Mestura de Nete constituíuse oficialmente en datas recentes co obxectivo de poder participar en programas como o Musiqueando da Deputación, ademais de tomar parte noutras actividades culturais como os cantos de taberna, procesións, festivais e demais celebracións.

Porén, desde o ano 2015, a Asociación de Veciños de Nete xa viña organizando clases de música tradicional: pandeireta, baile, acordeón, gaita, percusión e canto tradicional. Cada ano foi aumentando o número de persoas participantes ata chegar a preto de 80 alumnos.

Co tempo, consolidouse un grupo de canto que ensaia semanalmente e participa activamente en cantos de taberna e nos chamados seráns culturais.

BUXOS VERDES

Buxos Verdes é un grupo de música tradicional nacido en Vilalba no ano 2001 que conta actualmente con 25 integrantes de diferentes idades. A súa actividade está impulsada pola paixón pola música tradicional galega e pola vontade de desfrutala e compartila en foliadas, cantos de taberna e diferentes celebracións. Nos seus repertorios están presentes algúns dos ritmos máis característicos da tradición musical galega, como as muiñeiras, as xotas, as rumbas e os pasodobres, entre outros. A formación mantén así viva a música tradicional e achégaa a diferentes espazos e celebracións da vila.

CERNA DE ÁRBOL

O A agrupación musical Cerna de Árbol xurdiu ao abeiro da Asociación Cultural e Deportiva da parroquia vilalbesa do mesmo nome. A formación naceu despois dun curso de música no que participaron algúns membros da asociación e, tras un magosto celebrado en 2014, os veciños decidiron dar forma ao proxecto e crear o grupo. Na actualidade conta con arredor de 25 integrantes, entre os que se atopan aproximadamente doce nenos de entre 8 e 14 anos, especialmente afeccionados á percusión.

A formación experimentou diferentes etapas ao longo dos anos e, a pesar das baixas producidas durante a pandemia da covid, tamén foi incorporando novos membros. Cerna de Árbol participa habitualmente en diferentes feiras organizadas polo Concello de Vilalba, como a Feira de Artesanía ou a Feira do Capón, ademais de estar presente nas festas da súa parroquia e noutras celebracións da contorna. Para as súas actuacións, os integrantes contan con traxes tradicionais propios, aínda que tamén dispoñen de vestimenta máis cómoda para encontros de carácter informal, como os cantos de taberna. Deste xeito, a agrupación combina a música, a tradición e a participación veciñal, mantendo un espazo para que diferentes xeracións poidan achegarse á cultura musical galega.

ÁRDELLE O EIXO

Tamén de orixe vilalbesa é o grupo de música tradicional Árdelle o Eixo, creado na parroquia de Sancovade. A formación é unha presenza habitual nas celebracións tanto dentro como fóra do municipio, contribuíndo coa súa música a manter viva a tradición e a animar diferentes festas e encontros da contorna.

0.15016007423401