Festas de Vilalba: As mellores orquestras para os vermús e as verbenas

TerraChaXa
O sábado 29, será unha das primeiras grandes xornadas de verbena, cun programa que contará coa participación do grupo La Bamba e coa orquestra Galaxia
orquestra-acordes
28 Aug 2026

As festas de Vilalba de 2026 presentan unha programación musical extensa e diversa, na que teñen cabida tanto formacións históricas como novas propostas e artistas vinculados directamente coa localidade. Combinando propostas para diferentes públicos e estilos, Vilalba convertese nun punto de encontro para a música, o baile e a celebración durante unhas festas que volverán reunir á veciñanza e ás persoas que se acheguen á localidade durante estas datas.

As actuacións comezaron o mércores 26 de agosto coa presenza do dúo Venus, formación integrada por Suso e Marisol, dous músicos con ampla experiencia na amenización de todo tipo de eventos en Galicia. O dúo caracterízase pola súa capacidade para adaptar o repertorio ao público e ás características de cada celebración, procurando que cada actuación sexa diferente e que as súas propostas musicais poidan chegar a públicos diversos.

O sábado 29, será unha das primeiras grandes xornadas de verbena, cun programa que contará coa participación do grupo La Bamba e coa orquestra Galaxia, tanto na sesión vermú como na verbena da noite. La Bamba é unha formación musical en funcionamento desde 2016, integrada por xente nova e caracterizada polas súas voces potentes e por un directo dinámico. O seu obxectivo é conectar co público a través dun repertorio variado e dunha posta en escena pensada para facer participar aos asistentes. Pola súa banda, a orquestra Galaxia é unha formación coñecida dentro das verbenas galegas e conta xa con máis de 20 anos de traxectoria. Durante estas dúas décadas levou a súa música por numerosas festas patronais de Galicia, cun espectáculo centrado na música, o baile e o directo.

A programación continuará o domingo 30 cunha tripla proposta formada polo grupo La Tremenda, a orquestra Los Satélites e o grupo Origen. La Tremenda (13. 30 horas) nace das inquietudes artísticas de Lidia Meilán, coñecida como “La Tremenda”, e do produtor Dennys Antillano. A formación aposta polas cancións máis actuais do panorama musical, ás que procura achegar o seu propio estilo e personalidade para crear un espectáculo dinámico e pensado para animar ao público.

Ese mesmo día, a partir das 22. 30 horas, tamén actuará Los Satélites, unha das agrupacións históricas da música de verbena en Galicia. Con máis de oito décadas de historia, a formación leva desde 1938 acompañando as celebracións galegas e mantendo unha presenza destacada no circuíto das festas patronais. Os seus repertorios de salsa, baile e música popular, unidos aos seus animados espectáculos, converteron a orquestra nunha referencia da verbena galega. A xornada completarase coa actuación do grupo Origen, formación fundada por dous cantantes aos que se sumaron outros profesionais do sector e que conseguiu consolidarse rapidamente como unha proposta habitual nas festas patronais de diferentes comarcas.

O luns 31 de agosto, Día de San Ramón, chegará unha das xornadas máis intensas da programación musical, con tres orquestras sobre o escenario. A partir das 14.00 horas, a orquestra Escaparate será a encargada de amenizar a sesión vermú longa na Praza da Constitución. Pola noite, a partir das 22.30 horas, a verbena trasladarase ao Campo da Feira coa actuación da orquestra Panorama City e da orquestra Costa Dorada.

A orquestra Escaparate, orixinaria da provincia de Lugo, conta con máis de 15 anos de experiencia e especializouse en ofrecer espectáculos baseados na música actual, o baile e a animación. Pola súa parte, Panorama City é unha das formacións de maior prestixio e tradición de Galicia. Fundada en 1988, destaca polos seus espectáculos audiovisuais de máis de tres horas de duración, nos que combina enerxía, frescura, música e unha importante posta en escena. A terceira proposta da noite será a orquestra Costa Dorada, que completará unha xornada especialmente dedicada á música de verbena.

SETEMBRO

O martes 1 de setembro, Día de Santa María, será outra das grandes citas musicais das festas. A partir das 14.00 horas, a orquestra Fuego amenizará a sesión vermú longa na Praza da Constitución. Xa pola noite, a partir das 22.30 horas, o Campo da Feira acollerá a verbena coa actuación das orquestras París de Noia e Trébol.

A orquestra Fuego está integrada por catro cantantes e cinco músicos e caracterízase pola súa frescura e dinamismo. Con máis dunha década de traxectoria, a formación ofrece un espectáculo pensado para un público amplo e cun repertorio destinado ao baile e á animación.

A noite contará tamén coa presenza da orquestra París de Noia, unha das formacións máis recoñecidas e prestixiosas da verbena galega. A súa historia comezou en 1957, aínda que foi a partir de 1981 cando experimentou un importante salto cualitativo que a levou a converterse nunha das grandes referencias do panorama musical galego, especialmente pola súa enerxía e pola súa espectacular posta en escena. Dentro da súa xira actual, Va Por Ti Tour 2026, París de Noia fará parada en Vilalba para amenizar a celebración do día de Santa María. A xornada completarase coa orquestra Trébol, outra formación emblemática que conta cunha longa historia dentro do panorama musical galego.

Tras estas primeiras xornadas de intensa actividade, a programación continuará o venres 4 de setembro coa actuación da orquestra Marbella. A partir das 22.30 horas, o Campo da Feira acollerá a verbena, que contará tamén coa participación de Cosme DJ. Cunha traxectoria marcada pola súa dedicación á música e aos espectáculos de verbena, a orquestra Marbella está composta por músicos con experiencia e aposta por ofrecer actuacións de gran formato, cun repertorio variado e unha posta en escena pensada para facer desfrutar ao público e converter cada noite nunha celebración.

O sábado 5 será a quenda do dúo Estrellas, formado polos vilalbeses Ana Fanego e David Fanego. A partir das 14.00 horas, será o encargado de amenizar a sesión vermú longa na Praza da Constitución. Ambos levan desde 2012 traballando de maneira continuada co obxectivo de crear un ambiente agradable e festivo nas súas actuacións. O dúo caracteriza as súas presentacións polo coidado de cada detalle e pola procura dun ambiente próximo, facendo que a súa presenza nas festas supoña tamén unha aposta polo talento musical da propia vila.

Finalmente, o domingo 6 a programación das verbenas chegará ao seu remate coa actuación da orquestra Acordes. A partir das 14.00 horas, a formación amenizará a sesión vermú longa na Praza da Constitución, poñendo o punto final á programación musical das festas. Esta coñecida formación musical de verbena, de orixe lucense, conta con máis de 35 anos de historia e unha ampla experiencia nas festas patronais. Con máis de dez integrantes sobre o escenario e un importante despregamento técnico, Acordes ofrece un repertorio variado especialmente orientado ás celebracións populares e ás verbenas.

Deste xeito, desde o mércores 26 de agosto ata o domingo 6 de setembro, a música estará presente en diferentes puntos da vila, con sesións vermú, bailes e verbenas que se desenvolverán tanto pola tarde como pola noite.

PROGRAMA COMPLETO

0.12328791618347