Festas de Vilalba: As tradicionais pedaladas serán o xoves 27

Como non podía ser doutra maneira, o programa das festas do San Ramón e Santa María reserva un día para a Festa da Bicicleta, que este ano chega á súa trixésimo primeira edición, sendo unha das citas máis esperadas e consolidadas do verán.
Será o xoves 27 e a saída está prevista para as 19:30 horas desde a Praza da Constitución, onde tamén estará situada a meta.
O percorrido levará os participantes por diferentes rúas de Vilalba, nun itinerario pensado para poder participar tanto en bicicleta como sobre patíns.
A ruta comezará na Praza da Constitución, á altura do templete, e continuará pola rúa Basanta Silva, en dirección á Casa da Cultura. Desde alí, os participantes seguirán pola rúa da Pravia e o Campo de Ponte, para continuar pola rúa de Muras, a rúa de Cospeito, a avenida Terra Chá, Xosé María Chao Ledo, a rúa de Galicia e a praza Suso Gaioso. Finalmente, emprenderán o camiño de regreso ata a Praza da Constitución, onde estará situada a chegada.
A actividade está aberta a todo aquel que queira participar, sen límite de idade, o único requisito é ir sobre rodas impulsadas pola tracción humana, polo que se admiten ata carros para bebés. De feito esta celebración conta todos os anos con centos de participantes.
Para tomar parte no sorteo de agasallos que se realizará ao rematar o paseo, será necesario formalizar previamente a inscrición. Cada participante recibirá no momento de inscribirse un dorsal cun número e un boleto que deberá entregar á hora da saída para poder participar no sorteo.
A organización preparou unha ampla relación de premios e agasallos para os participantes inscritos. Entre eles figuran unha bicicleta, un televisor de 32 polgadas, un bono regalo en prendas deportivas, un par de patíns, dúas mochilas, un casco de ciclista e tres queixos de San Simón da Costa.
Ademais, haberá un trofeo especial para o participante de maior idade, como recoñecemento á súa participación nesta actividade deportiva e de carácter popular.
As inscricións poderán realizarse no Espazo Xove. A inscrición xa está aberta e manterase ata dúas horas antes da saída, en horario de 18.00 a 21.00 horas. Para obter máis información, os interesados poden contactar co teléfono 982 828 340.
Desde a organización animan a todos a participar para admirar as contornas de Vilalba dunha maneira diferente, así como a desfrutar con familiares e amigos do ambiente festivo que se respira eses días na localidade.