Festas de Vilalba: Unha noite para os DJ locais

TerraChaXa
O venres 28 na explanada da Madalena será a quenda destes artistas que mesturan todos os estilos musicais
marcos-peon-e-frisco
27 Aug 2026

Converténdose xa nunha tradición dentro da programación das festas de San Ramón e Santa María, a Xira Campestre volverá acoller este ano a sesión de DJ Locais, que chega á súa quinta edición. A cita terá lugar o venres 28 na explanada da Madalena a partir das 21.30 horas, aínda que os artistas comezarán a animar a praza desde as 20:30 horas, poñendo música e ambiente durante a tarde.

Nesta nova edición volverase contar coa presenza de David García, Cris Vázquez, Bris Tradd e Decrux, aos que se suma, o dúo musical Shera & Sile, que achegará á xornada a súa proposta centrada no rap e no hip-hop.

David García é un DJ versátil que, tras moitas horas de traballo ás costas, procura que cada unha das súas sesións sexa única e especial. Entre as súas principais características destaca a variedade dos seus repertorios, combinando temas coñecidos con outros menos populares e buscando sempre que o público desfrute da experiencia musical.

Tamén repetirá presenza a cospeitense Cris Vázquez, especializada en mesturar diferentes estilos e propostas musicais dinámicas e movidas. A DJ volverá participar un ano máis nesta cita para facer desfrutar á veciñanza vilalbesa coa súa selección musical.

Xunto a ela estarán o vilalbés Bris Tradd e Decrux, tamén vinculado á zona. Brais Trinidad, coñecido artisticamente como Bris Tradd, é un DJ e produtor musical galego que participou en diferentes eventos e sesións de música electrónica en Galicia. Pola súa banda, Decrux é un DJ e produtor orixinario de Vilalba que comezou con tan só 16 anos a producir e mesturar xéneros como o techno e o tech house. Desde entón, participou activamente en diferentes eventos locais e festivais da rexión.

Como incorporación a esta edición, Shera & Sile achegarán unha proposta especialmente pensada para os amantes do rap e do hip-hop. O dúo musical conta con varios traballos publicados, entre os que se atopan o EP Sen Destino e temas como Camiñar Recto ou Solpor de Verán. Co seu estilo e a súa enerxía sobre o escenario, serán os encargados de completar unha sesión na que a música electrónica, as diferentes tendencias urbanas e os sons máis actuais se darán cita na explanada da Madalena.

Deste xeito, a quinta edición da sesión de DJs Locais consolídase como unha das propostas musicais da Xira Campestre, apostando novamente polo talento da contorna e ofrecendo un espazo para que artistas locais e da comarca poidan compartir a súa música co público durante as festas.
A maiores, o venres 4, Cosme Deejay encargarase de amenizar a verbena da noite no Campo da Feira a partir das 22. 30 horas.

Cosme Deejay, nome artístico de Cosme Folgueira Crecente, é un coñecido DJ galego con ampla experiencia na animación de sesións e eventos musicais en diferentes locais de Galicia, especialmente na provincia de Lugo. Ao longo da súa traxectoria, participou en sesións en salas como a discoteca Hermo ou A Normanda, ademais de colaborar en programas de radio especializados en música dance e italiana. A súa experiencia e coñecemento destes estilos convertérono nunha presenza habitual en diferentes citas musicais da contorna.

O sábado 5, chegando xa ao final da xornada festiva, Marcos Peón e Dj Frisco encargaranse de facer bailar á Praza da Constitución co seu espectáculo Yo lataba en EGB, un gran guateque que repasa os grandes éxitos do pop, o rock e a música dance dos anos 80, 90 e 2000.

Trátase dunha alianza artística con máis de 20 anos de presenza no panorama da música electrónica, levando o son español ás pistas de baile e aos festivais de todo o mundo. Ao longo da súa traxectoria, construíron unha carreira sólida baseada na constancia, na evolución do seu son e nunha conexión única co público.

PROGRAMA COMPLETO

0.14479494094849